Saturday 16 de November de 2024

O Concello impulsou coa Red de Ciudades que Caminan a iniciativa “Metrominuto” en tres centros de ensino


O Concello de Narón impulsou dende o Equipo de Educación Viaria un obradoiro sobre Metrominutos Escolares en colaboración coa Red de Ciudades que Caminan. Na iniciativa participou alumnado de cuarto curso de Educación Primaria dos centros de ensino da Solaina, Ponte de Xuvia e Piñeiros, nos que se impartiu este curso a asignatura de Educación Viaria. Ferreiro explicou que “esta proposta tivo moi boa acollida entre o alumnado, que traballou para poñer en marcha unha nova ferramenta educativa vencellada á mobilidade sostible e saudable e pensada para aquelas persoas que viven a menos dun quilómetro de distancia do seu centro de ensino, para poder ir camiñando nun tempo estimado que como máximo sería de 15 minutos”.

O xeógrafo, docente e asesor da Red de Ciudades que Caminan José Francisco Cid, foi a persoa encargada de desprazarse aos centros de ensino da cidade para explicar este obradoiro, cunha sesión teórica e dúas prácticas que contaron coa implicación de alumnado e profesorado. Despois de coñecer o contido da iniciativa os menores determinaron xunto con Cid os posibles puntos para o Metrominuto e debuxaron un mapa do entorno escolar no que asignaron unhas rutas con tempos e distancias, calculando o que leva realizar cada traxecto a unha velocidade media de 5 quilómetros hora e ubicando puntos de interese, como parques, instalacións deportivas e culturais…

“Esta campaña aposta por fomentar a mobilidade escolar peatonal, complementando en gran medida o traballo que levamos realizando en Narón dende hai anos cos Camiños Escolares Seguros”, destacou a alcaldesa. Realizar exercicio, mellorar a concentración, fomentar a autonomía das nenas e nenos, coidar o medio ambiente, reducir o uso de vehículos para os desprazamentos aos centros e aprender a controlar o tempo e a orientación forman parte das vantaxes impulsadas a través de Metrominuto.

En diferentes cores e con varias alternativas, no colexio da Solaina remataron este curso o seu propio Metrominuto nun mapa sinóptico con varios puntos e os tempos medios do que leva desprazarse a pé entre eles e que, neste caso, inclúe tanto a Escola infantil municipal do barrio como o CEIP da Solaina. “A idea é que os outros dous centros poidan rematar o vindeiro curso os seus propios mapas e posteriormente difundilos para animar á cidadanía a realizar estes percorridos a pé sempre e cando sexa posible”, destacou Ferreiro.

A alcaldesa agradeceu a colaboración da Red de Ciudades que Caminan e tamén “de toda a comunidade educativa que se sumou a esta convocatoria e, como non, das familias que cada día se implican neste tipo de iniciativas que non terían sentido sen a súa colaboración e que ademais de fomentar a mobilidade sostible permiten mellorar o coñecemento do entorno e apostar por desprazamentos activos”.