A Concellaría do Turismo da Pobra do Caramiñal atópase ultimando a programación para a Semana do Mar. Entre as actividades deseñadas figura unha exposición sobre o vínculo do municipio co mar, tanto da súa xente coma do propio territorio: conserveiras, fábricas de salgadura, barcos de alta mar, baixura…
A concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), fixo un chamamento para que a veciñanza pobrense aporte o material gráfico do que dispoña sobre esta temática. Para participar, tan só terán que levar as instantáneas a Foto Ríoos, onde os exemplares serán dixitalizados e imprimiranse copias que pasarán a formar parte da mostra que se instalará na Casa Mariñeira. Polo tanto, as persoas propietarias recibirán os orixinais no momento.
A edil explicou que se busca así a implicación da cidadanía para “facer unha homenaxe a aquelas persoas que fixeron medrar a nosa vila a través do seu traballo no mar.” A este respecto, a técnica municipal, Sara Sánchez, engadiu que tamén se pretende poñer en valor a importancia do mar a nivel social, económico, culturas e mesmo xeográfico, o que se traduciu incluso en cambios na fachada.
As fotografías poden ser antigas e contemporáneas para establecer así unha liña temporal. A data límite de entrega establécese no 8 de xullo.