Friday 22 de November de 2024

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia publica un libro co estudo de historicidade e delimitación do trazado


Teresa Villaverde: “queremos dar a coñecer este estudo para que quen o lea sexa consciente de que existen testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais suficientes que acreditan a historicidade do Camiño da Ría de Muros-Noia”

A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia vén de editar o libro “O camiño da peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros Noia. Historicidade e delimitación do trazado”, unha publicación que é a reprodución literal do “Estudo de historicidade e delimitación do trazado do Camiño de peregrinación a Santiago pola Ría de Muros Noia” promovido pola Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría Muros-Noia e a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia. Un estudo que foi entregado en xaneiro de 2020 á Xunta de Galicia para iniciar o expediente de recoñecemento deste Camiño como ruta con historicidade.

O libro foi presentado pola presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, e o alcalde de Brión, Pablo Villaverde, nun acto que tivo lugar en Brión e no que estiveron presentes o arquitecto Marcial Rodríguez e os historiadores e arqueólogos Mario César Vila e Sofía Baqueiro Vidal, os dous primeiros membros do equipo de Dirección do traballo (canda o urbanista Javier González Harguindey) e a terceira integrante do equipo redactor (xunto aos arquitectos José Valladares e Alberto Redondo).

Difusión da historicidade

Teresa Villaverde agradeceu aos presentes o traballo realizado para recompilar, expoñer e ordenar toda unha serie de acontecementos e evidencias que permiten avalar a historicidade do Camiño da Ría de Muros-Noia. “Queremos dar a coñecer este estudo para que todas as persoas que o lean sexan conscientes de que existen testemuñas arqueolóxicas, históricas e documentais suficientes que acreditan a historicidade do Camiño da Ría de Muros-Noia”, sinala Villaverde Pais.

Por iso, a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia editou esta primeira edición nun formato A4 moito máis manexable co traballo orixinal. Uns libros que foron entregado aos nove concellos da Asociación (Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago), que se encargarán da súa distribución e difusión entre a poboación. “Creo que os Camiños con historicidade deben ser recoñecidos como tales e estou convencida de que o Camiño da Ría de Muros-Noia estará entre eles”, sinalou a presidenta da Asociación.

Seguir investigando

Marcial Rodríguez agradeceu a confianza e colaboración absoluta por parte da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia para editar un libro no que “o que fixemos foi ordenar a documentación”, pero deixou claro que esta publicación “é un punto e seguido. Hai que seguir investigando porque continúan aparecendo datos e estamos convencidos de que aparecerá moita máis documentación”. Así mesmo, considerou “unha inxustiza histórica” que esta ruta non fose declarada xa Camiño de Santiago hai xa moitos anos.

Pola súa banda, Mario César Vila coincidiu con Marcial Rodríguez en que “vai xurdir máis documentación se continuamos investigando” e fixo fincapé en que este libro é o resultado “dun traballo colectivo”. Neste sentido, Sofía Baqueiro destacou que “foi un traballo de recompilación de investigacións que xa había nos anos 90. Pero despois de ver a cita das fontes, chegamos á orixe mesma das fontes e descubrimos moitas máis cousas”.

Dúas desas novas referencias históricas atopadas e incluídas no libro tras estas investigacións son a carta do sacerdote Duodecino de Lahnstein ao abade Cuno do mosteiro de San Disibodo, na que informaba de que os cruzados chegarían a Noia o 2 de xuño do 1188. Un dato que corroboraría a carta de Arnulfo, sacerdote flamenco, a Milo, bispo de Hérouanne, no que ademais da data corroboraba que os cruzados peregrinarían posteriormente ao sepulcro do Apóstolo.

Contido do libro

O libro conta con máis de 300 páxinas, das que máis dun cento correspóndense con mapas das distintas épocas e practicamente o 75% consiste en documentación histórica recollida. Entre esta documentación figuran a restauración do Portus Apostoli na Carta Fundacional da vila de Noia no ano 1168; a visita, vinte anos antes, da escuadra de Darmounth, con navíos ingleses, franceses e alemáns; ou as crónicas dos cruzados Arnolfo e Osborne “que dan fe de que dende alí se levou a cabo unha ruta de peregrinaxe a Compostela e que, como é lóxico, estaría implantada con anterioridade”, conclúe o estudo.

Tres séculos despois, nárrase o relato da viaxe dun comerciante veneciano, Pietro Querini, que chega en 1431 ao porto de Muros e realiza unha peregrinación a pé ata o sepulcro do Apóstolo. Un século máis tarde, en 1524, hai referencia á chegada de cincuenta peregrinos franceses a Muros. “Hai unha carta do rei Carlos V, pedindo que teñan clemencia cos peregrinos apresados, e que está no Arquivo da Catedral”, engade Marcial Rodríguez. O traballo compleméntase coa recollida de estudos, cartografía, publicacións e imaxes de actividades relacionadas co Camiño nos últimos corenta anos.