Friday 22 de November de 2024

O Concello da Coruña convoca un foro urbano no marco do proxecto A Coruña 2030


O foro terá lugar mañá, 28 de xuño, no Centro Ágora de 18.00 h a 20.30 h e será o último dos encontros participativos para o deseño da Axenda Urbana

O Concello da Coruña avanza no deseño do Plan para a Axenda Urbana “A Coruña 2030” coa convocatoria do foro urbano, un evento participativo que contará no programa con diversos obradoiros e mesas temáticas onde se levarán a cabo dinámicas que promovan o debate e a reflexión ao redor da cidade do futuro.

No marco do proxecto A Coruña 2030, o Concello da Coruña levou a cabo un total de 11 encontros participativos nos distintos barrios da cidade. Ademais, establecéronse tamén dous espazos divulgativos no mercado da praza de Lugo e na Coiraza do Orzán, onde a cidadanía se achegou para coñecer o proxecto A Coruña 2030 e debater e realizar as súas propostas de cara o futuro da cidade. Este proceso colectivo ten como obxectivo avanzar na construción dunha Coruña máis aberta e colectiva, promovendo a participación cidadá na definición das liñas de actuación e os proxectos prioritarios, atendendo aos ODS establecidos por Nacións Unidas e os Obxetivos Estratéxicos da Axenda Urbana Española.

Este foro urbano, convocado para mañá ás 18.00 h no centro sociocultural Ágora, será o último dos encontros participativos no marco do Plan para a Axenda Urbana A Coruña 2030. Nel trasaladaranse e analizaranse as principais conclusións que se puideron identificar nos encontros previos, para ver cales son os eixes de actuación claves para a cidadanía. Ademais, están previstas a realización de outras catro accións participativas durante o Foro Urbano, de xeito que os coruñeses e coruñesas que asistan a este encontro final tamén poidan facer as súas achegas, pechando así a fase de propostas.

A alcaldesa, Inés Rey, asistirá ao encontro para recoller e analizar as propostas realizadas no marco dos encontros participativos previos, amosando a aposta do Goberno por un modelo de cidade máis aberto, participativo e de futuro. A entrada é libre ata completar capacidade ou inscribíndose previamente a través da web acoruna2030.com.