Thursday 21 de November de 2024

O Aquarium Finisterrae acolle a presentación do libro ‘Contos da beiramar’


A presentación, na que participará o autor, Fernando A. Fernández Domonte, será o martes 28 de xuño, ás 20.00 horas

O Aquarium Finisterrae da Coruña acollerá este martes 28 de xuño unha presentación literaria moi vencellada co mundo marítimo. Trátase do libro ‘Contos da beiramar’, do autor Fernando A. Fernández Domonte. O escritor explicará todos os detalles da súa obra a partir das 20.00 horas no Museo Científico Coruñés.

‘Contos da beiramar’, da Editorial Elvira, esgotou a súa primeira edición e xa se está a distribuír a segunda. O libro reúne catorce relatos nos que, nun galego fluído, moi próximo e cheo de retranca, cóntanse episodios protagonizados por mariscadoras, mariñeiros, funcionarios e mesmo algún taberneiro ou pescador furtivo, por veces sorprendentes, moi reveladores do que se coce na beiramar e que resultan do máis divertido.

De trece destes relatos pódese dicir que se axustan aos canons do xénero, pero o que completa o libro, ocupando a súa parte central, excede con moito as dimensións do que se podería considerar un conto. Consciente desta circunstancia o seu autor subtitulouno xa como “conto en sesión continua”, e nel poden atopar os lectores toda unha crónica continuada e maxistral do que foi un conflito marisqueiro, salpicada de coloridos detalles –por chamarlles dalgunha maneira- só ao alcance de quen os viviu dende dentro e sabe do que fala.

Sobre o autor
Fernando A. Fernández Domonte é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. A súa vinculación profesional co mundo do mar data de 1983, cando se incorpora como responsable de comunicación á Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo, na que se integra como membro do equipo técnico; presta os seus servizos ata 1987, compatibilizando esta ocupación coa de redactor de RTVE. En 1988 deixa ambas as responsabilidades para facerse cargo da sección de información marítima e pesqueira do Diario de Galicia e, posteriormente, da mesma sección en Diario 16.

A finais de marzo de 1990 é nomeado xefe do Gabinete Técnico da Consellaría de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, posto no que permanece ata agosto de 2005.

En setembro dese mesmo ano incorpórase como xefe da Unidade de Comunicación e Relacións Externas do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR).

É autor e coautor de numerosos traballos técnicos sobre pesca, marisqueo e acuicultura, entre os que cabe destacar “El proceso de adhesión de España a la Comunidad Económica Europea en la pesca” ou o “Plan de Ordenación dos Recursos Pesqueiros e Marisqueiros de Galicia”. Tamén participou activamente na elaboración de boa parte da normativa pesqueira galega, especialmente na desenvolvida entre 1990 e 1994, lexislatura na que se promulgou a primeira Lei de Pesca e o Regulamento de Artes e Aparellos permisibles en Galicia.