O Museu Nacional Soares dos Reis, acollerá esta exposición dende hoxe ata o próximo 27 de setembro
Turismo de Galicia inaugurou a exposición audiovisual ‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’ na cidade portuguesa de Porto. O principal museo da cidade, Museu Nacional Soares dos Reis, acollerá esta mostra que poderá visitarse ata o próximo 27 de setembro.
‘Peregrinatio. O Camiño de San Francisco a Santiago’ xorde da viaxe realizada polo fotógrafo Manuel Valcárcel e o músico Alexandre González a través de Italia, Francia, o norte de España e a Galicia xacobea, seguindo a mesma ruta que San Francisco percorreu en 1214 desde Asís a Compostela.
Durante a súa peregrinación, os autores galegos amosáronse atentos á tradición cultural e á relixiosidade que impregna os lugares e os camiños a Santiago. Así, na mostra pódense observar paisaxes culturais e espazos sacros ligados á orixe evanxélica da tradición cristiá sobre a que se asenta a mentalidade e a historia cultural dos pobos de Europa.
A exposición leva ata Portugal unha interpretación de gran beleza sobre o Camiño de Santiago, afondando no fenómeno da peregrinación.
Así, un dos principais mercados estranxeiros de Galicia poderá coñecer de primeira man as claves principais deste feito histórico vivo –os seus valores universais, o seu legado cultural, a súa capacidade para potenciar aspectos como a comprensión, o intercambio, a solidariedade, a hospitalidade–recollidas neste traballo destes dos artistas novos galegos que, asumindo o seu papel de peregrinos, souberon ver en camiños e santuarios a esencia dun fenómeno único.
Esta exposición itinerante promovida por Turismo de Galicia xa visitou anteriormente as cidades de Coimbra, Lisboa, León, Astorga, Ponferrada, Villafranca e Oviedo así como diversas vilas galegas.