Saturday 16 de November de 2024

Os socialistas do Pino demandan a regularización das vivendas turísticas


SOLICITAN QUE O CONCELLO, EN BASE A SENTENZA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA, RESTRINXA ESTE TIPO DE NEGOCIOS POLAS CONTINUAS MOLESTIAS QUE ESTÁN A CAUSAR NAS DISTINTAS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS

A INICIATIVA SERÁ DEBATIDA E VOTADA NO PLENO DESTE MARTES 28 DE XUÑO

O PSdeG do Pino demandará no Pleno ordinario de xuño a regularización das vivendas turísticas no núcleo urbano de Pedrouzo, en Arca (O Pino). Indican que este tipo de negocios que carecen de licencia municipal están a causar multitude de molestias aos veciños e veciñas residentes nas distintas comunidades de propietarios domiciliadas no Pedrouzo. Destacan, entre outras, os ruídos a horas intempestivas, a sensación permanente de inseguridade, a privación de descanso, os danos en bens comúns, os altercados, etc. “Problemática que sofren os nosos veciños/as e onde o Concello ten a obriga de actuar xa, restrinxindo e regulando este tipo de negocios destinados ao uso turístico”, afirman desde o Grupo Socialista municipal.

O PSdeG local insta ao Concello que, en base a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, regule este tipo de negocios. Solicitando á Xunta de Galicia que non inscriba e borre, do Rexistro autonómico, as vivendas de uso turístico asentadas no termo municipal que carezan de licencia de actividade “como xa están a facer outros concellos como por exemplo, o de Santiago”, indica o voceiro socialista, Óscar Vilar.

Na iniciativa, que será debatida no Pleno ordinario deste Martes 28 de xuño, tamén demandan que calquera solicitude de licencia municipal para vivendas de uso turístico terá que ser tramitada dándolle audiencia ás comunidades de propietarios afectadas, co obxecto de que estas poidan presentar as alegacións que estimen, por considerar esta actividade como molesta para a veciñanza do inmoble.