A xornada tivo como fin promover o deporte e os hábitos de vida saudables, e nela os participantes puideron practicar distintas modalidades deportivas
Milleiros de cidadáns participaron hoxe no Día do Deporte na Cidade, unha cita que volveu ás rúas da cidade para promocionar a prática do deporte entre persoas de todas as idades e os hábitos de vida saudables.
Os participantes puideron practicar ducias de modalidades deportivas diferentes, desde deportes náuticos como a vela, o kayak e o windsurf ata o fútbol, pasando por outros moitos como béiscol, hockey, tenis, petanca, esgrima, taichí, patinaxe en liña, xadrez, golf, tiro con arco, baloncesto, balonmán, ximnasia, boxeo, halterofilia e moitos máis. Houbo tamén espazos especialmente deseñados para o deporte adaptado, co fin de facilitar a práctica deportiva a todas as persoas.
A diferenza de edicións pasadas e dando continuidade ao formato posto en marcha no 2021 polas restriccións, o Día do Deporte na Cidade extendeuse a distintos barrios para facilitar o achegamento dos cidadáns. Así, houbo espazos para as distintas especialidades na praia de Oza, na praza Brancar Quiroga, na Cidade Deportiva de Riazor, en Méndez Núñez e en Tabacos, todos eles cunha grande afluencia de público.
As probas, sen carácter competitivo, desenvolvéronse ao longo de toda a xornada, tanto en horario de mañá como en horario de tarde. A alcaldesa, Inés Rey, visitou distintos espazos nos que puido comprobar a alta participación. “Promover a práctica do deporte é unha das prioridades do meu Goberno, porque o deporte supón unha mellora da calidade de vida para quen o practica e aporta uns valores moi necesarios na sociedade na que viviemos”, indicou a rexedora, que estivo acompañada pola concelleira de Deportes, Mónica Martínez.