A Consellería de Traballo e Benestar leva deseñando desde o luns un plan de acollida que se activará no caso de que o Goberno de España e a Unión Europea acorden a admisión de refuxiados
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladoulle hoxe ao Goberno de España a disposición de Galicia a acoller ata 300 refuxiados sirios no caso de que o Executivo central así o solicite e unha vez que a Unión Europea acoute “o alcance e contido das obrigas de cada Estado membro”, pois “as nosas instalacións e as nosas capacidades asistenciais acreditan que podemos darlles servizo”. “A Consellería de Traballo e Benestar está traballando desde xa nun plan de acollida e se porá en contacto con todas as organizacións para ter prevista esta eventualidade”, explicou o presidente.
Galicia ten centros públicos e infraestruturas que están en disposición de acoller estas persoas. Ademais, o plan que a Consellería de Traballo e Benestar leva deseñando desde o luns contempla que a Xunta achegue información ás familias galegas sobre a posibilidade de que elas mesmas acollan refuxiados, pois algunha xa amosou a súa disposición a facelo.
“As imaxes que estamos a ver nas últimas semanas acreditan que a Unión Europea ten que establecer unha política concreta e única para actuar fronte a este problema de emerxencia humana e social”, salientou Feijóo, que tamén lembrou o Goberno de España “é un dos da Unión con maior experiencia na inmigración”, pola súa condición de fronteira europea co norte de África. Asemade, pediu ás institucións europeas “criterios concretos e específicos para todos os Estados membros”.