— A Xunta organiza oito cursos ao longo do segundo semestre do ano na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo
— As actividades formativas comezarán o 11 de xullo cun taller de planificación física e prevención de lesións nesta disciplina artística, que impartirá María Jesús Peces-Barba seguindo o seu ‘Adapt Method’
— Abordarase tamén a análise coreográfica con Iker Gómez, baile galego con Fran Sieira, ballet clásico con Lárazo Carreño, a técnica ‘Flying Low’ con Leodan Rodríguez, xestión de espectáculos con Uxío Novo e Manuel Lago, danzaterapia con Laura Llauder e danza contemporánea con Beatriz Churruca e Igor Calonge
A Xunta organiza oito cursos no marco do programa formativo do seu Centro Coreográfico Galego para 2022, que se desenvolverá ao longo do segundo semestre do ano arredor de diferentes temáticas como a prevención de lesións, o poder terapéutico da danza, diferentes estilos e técnicas coreográficas ou a xestión de compañías e espectáculos.
Desta volta, a unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades estenderá a súa oferta de formación continua máis alá da súa sede na Coruña, de xeito que tamén haberá sesións en Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo. A descentralización desta actividade atópase en liña coas medidas acordadas co sector esta mesma semana como parte do documento que servirá de base para a redacción do Plan Integral para a Danza de Galicia.
Os profesionais desta disciplina artística son os principais destinatarios dos encontros do Centro Coreográfico Galego, que volven contar cun profesorado de recoñecida traxectoria nos seus respectivos ámbitos como María Jesús Peces-Barba, Iker Gómez, Fran Sieira, Lázaro Carreño, Leodan Rodríguez, Manuel Laho, Uxío Novo, Laura Llauder, Beatriz Churruca e Igor Calonge. Para todo eles, acaba de abrirse o prazo de solicitude seguindo as instrucións dispoñibles na web www.centrocoreografico.gal.
Primeira cita na Coruña
A primeira das citas desenvolverase na Coruña do 11 ao 14 de xullo baixo o título Autocoidado, preparación e planificación física e abordaxe integral das lesións en danza. A fisioterapeuta, osteópata e exbailarina María Jesús Peces-Barba aprenderalles aos asistentes como mellorar o coñecemento do seu corpo para coidalo e potencialo utilizando o seu propio método, bautizado como Adapt Method.
Tamén en xullo, entre os días 18 e 22, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo acollerá o curso de análise coreográfica Desde o coñecemento teórico á inspiración creativa, que impartirá o coreógrafo e videocreador Iker Gómez, docente do itinerario de Danza Contemporánea do Instituto Universitario Alicia Alonso da Universidade Rey Juan Carlos.
A actividade retomarase en setembro cun encontro de danza tradicional no que o bailador e coreógrafo Fran Sieira abordará a mestura de tradición e vangarda no baile galego actual. Desenvolverase en seis xornadas, das que as cinco primeiras terán lugar entre os días 5 e 9 na Coruña e a última, o día 10 no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
O achegamento á profesionalización no ámbito da danza clásica será a temática do curso que o mestre cubano Lázaro Carreño conducirá do 12 ao 16 de setembro. A sede do Centro Coreográfico Galego volve recibir o exprimeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba, quen xa en anos anteriores impartiu na Coruña diferentes talleres de técnica clásica cunha ampla demanda por parte do alumnado.
Este mesmo espazo acollerá o día 24 unha sesión sobre os patróns de movemento na técnica do Flying Low, a cargo do bailarín e coreógrafo Leodan Rodríguez. Tamén de orixe cubana, Rodríguez reside desde hai anos en Galicia, onde desenvolve a súa traxectoria profesional no ámbito da danza contemporánea e as artes do movemento.
Outubro en Santiago e Vigo
En outubro, este programa formativo trasladarase á Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, co obradoiro Dedícome á coreografía, e agora que?, no que se tratarán aspectos relacionados coa produción, xestión e distribución de compañías e espectáculos de danza, así como co acceso ás subvencións públicas. Os xestores culturais Uxío Novo e Manuel Lago compartirán a súa experiencia cos asistentes na súas sesións do día 1 e dos días 15, 22 e 29, respectivamente.
A bailarina profesional e coach Laura Llauder estará na Escola de Danza Media Punta de Vigo os días 8 e 9 de outubro para ofrecer un curso de danzaterapia especialmente dirixido a persoas con discapacidade auditiva e profesionais do sector, no que se afondará capacidade inclusiva deste ámbito artístico.
A última das citas celebrarase na Coruña do 19 ao 23 de decembro da man dos creadores Beatriz Churruca e Igor Calonge. Será cun taller de danza contemporánea no que abordarán a recapacitación profesional neste sector.