A pasada semana, o equipo de restauración rematou o “zurcido” e selado de fracturas presentes na ‘Muller ártabra’, a peza máis danada do conxunto
O Concello da Coruña rematou a pasada semana os traballos de restauración no conxunto escultórico ‘Ártabros’, situado no parque escultórico da Torre de Hércules. A obra do autor Arturo Andrade (Allariz, 1956), recolle a imaxe do pobo ártabro coas figuras dunha muller, un mariñeiro e un guerreiro.
As actuacións nas esculturas, que comezaron na última semana de maio coa limpeza de tinturas de óxido presentes no granito, remataron esta semana cos traballos específicos sobre a ‘Muller ártabra’. O equipo de restauradores e restauradoras, dirixido pola conservadora Iria López Baltar, visitou o conxunto do escultor ourensán para realizar unha primeira análise, durante a que se identificaron os materiais orixinais así como o tamaño das fracturas, para a súa restauración. No caso da muller ártabra foi preciso realizar o “zurcido” e selado de fracturas presentes na peza, así como a retirada dos remaches metálicos rotos e descabezados, presentes nas tres pezas escultóricas.
Estas representacións son unha homenaxe á sociedade ártabra da época, ao estar caracterizadas cos atributos que lle serían propios no seu tempo.
Coa restauración do conxunto escultórico ‘Ártabros’, o Goberno municipal de Inés Rey avanza na súa aposta pola conservación e recuperación do patrimonio histórico da cidade.
Esta actuación súmase a outras realizadas no mesmo eido, como a reposición da escultura orixinal de Emilia Pardo Bazán nos Xardíns de Méndez Núñez, a recuperación do ‘Breogán’ de Escudero Carril ou a recuperación dos reloxos históricos propiedade do Concello.