O curso terá lugar os días 1 e 2 de xullo e impartirase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar unha acción formativa sobre o manexo de forraxes en vacún de leite. Levarase a cabo no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello de Boqueixón os días 1 e 2 de xullo cunha duración total de 8 horas, en horario de mañá e de tarde
Os obradoiros abordan tanto aspectos teóricos coma prácticos sobre o estudo do forraxe obxectivo e dos cultivos forraxeiros principais. Estas iniciativas están dirixidas ás persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, e tamén ás persoas con expectativa de incorporación, en concreto a xuventude do medio rural.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende proporcionar aos alumnos deste curso coñecementos e ferramentas básicas no relativo aos cultivos forraxeiros en réxime extensivo, priorizando os de Galicia. Ademais, o alumnado analizará o uso de cultivos tanto para a produción de penso como forraxe en verde ou conservado.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 881 867 331, ou enviarse un correo a cursos.acagal.sergude@xunta.gal.