Friday 22 de November de 2024

Galicia apoia a creación dun mecanismo de consulta ás entidades transfronteirizas locais e rexionais antes de considerar un posible peche de fronteiras no espazo Schegen


— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), que se celebra hoxe e mañá en Atenas

— Na comisión aprobouse un proxecto de ditame no que se solicita o establecemento dun mecanismo que garanta a aplicación uniforme de medidas nas fronteiras exteriores en todos os Estados membros en caso de ameaza para a saúde pública

— Jesús Gamallo presentou outro borrador de ditame no que solicita que os delitos de odio e a incitación ao odio sexan tipificados como delitos na UE

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe en Atenas na reunión da Comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité Europeo das Rexións (CdR), o primeiro fóra da sede que se realiza en persoa despois da pandemia.

O pasado decembro, a Comisión Europea aprobou unha proposta de Regulamento para reforzar a gobernanza do espazo Schengen, xa que o código actual dá aos Estados membros a posibilidade de reintroducir temporalmente o control fronteirizo cando exista unha ameaza grave para a orde pública ou a seguridade interna, como ocorreu durante a pandemia da covid-19.

A proposta que hoxe se debateu na comisión Civex garantiría o establecemento dun mecanismo que permita a aplicación uniforme das medidas nas fronteiras exteriores en todos os Estados membros en caso de ameaza para a saúde pública. Ademais, garantiría que a reintrodución dos controis nas fronteiras interiores siga a ser unha medida excepcional. A proposta tamén prevé que se apliquen garantías para limitar o impacto negativo sobre as rexións transfronteirizas, o transporte e o mercado único. Tamén recomenda que se empreguen medidas alternativas, como controis policiais, en lugar de pechar as fronteiras interiores da UE.

Neste sentido, Jesús Gamallo apuntou que o peche de fronteiras “debe ser unha medida excepcional e proporcional e debe utilizarse como último recurso para limitar o impacto negativo que esta decisión pode ter en rexións transfronteirizas como Galicia”. O director xeral acolleu con satisfacción o requisito de considerar o probable impacto sobre o funcionamento das rexións transfronteirizas no caso da reintrodución e prolongación temporal dos controis fronteirizos nas fronteiras interiores, porén, opina que o uso de medidas alternativas “tamén debería incluírse nos criterios para a reintrodución dos controis nas fronteiras interiores, e non só para a súa prolongación”.

Así mesmo, Gamallo subliñou que Galicia apoia que se lle esixa á Unión Europea e aos seus Estados membros a consulta ás entidades locais e autonómicas antes de considerar o peche de fronteiras, ou calquera tipo de actuación que poida afectar aos cidadáns. “Os peches de fronteiras interiores, así como o reforzo dos controis nas fronteiras interiores durante a pandemia da covid-19 tiveron graves repercusións nas rexións transfronteirizas nos traballadores, no empresariado e nas relacións consolidadas dende longo tempo”, dixo. Por último, a este respecto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE lembrou que esta foi unha das grandes preocupacións de Galicia durante a pandemia, para o que se puxo en marcha o Plan de Reactivación da Cooperación de Proximidade na fronteira do Norte de Portugal con Galicia, que foi incluída como boa práctica no último barómetro rexional e local da UE.

Jesús Gamallo presentou, en colaboración coa poñente Aleksandra Dulkiewicz, alcaldesa de Gdansk, un ditame sobre a inclusión dos delitos de odio e de incitación ao odio na lista de delitos da UE a prol dunha Europa máis inclusiva e protectora. Gamallo sinalou que hai que “sensibilizar e animar ás vítimas a denunciar estes delitos”; e subliñou a importancia de “crear programas e competencias en educación contra a discriminación e os delitos de odio nas escolas europeas, así como colaborar cos organismos de igualdade e as organizacións da sociedade civil”. O ditame tamén recoñece a dimensión transfronteiriza da propagación da incitación ao odio e a necesidade de abordalo a nivel da UE.

A comisión Civex tratou finalmente o proxecto de ditame sobre o papel do Comité das Rexións na promoción da diplomacia climática subnacional de cara á Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático COP27 en novembro deste ano en Exipto e á Conferencia Climática COP28 prevista para 2023 en Emiratos Árabes. O texto pide un maior papel do CDR nas reunións da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP) e que os entes locais e rexionais se inclúan en todas as fases da preparación e negociación da Conferencia. Así mesmo, destácase a relevancia de crear sinerxías entre fontes de financiamento públicas e privadas a nivel mundial, comunitario, nacional, rexional e local, polo que reclama un maior apoio financeiro aos Estados membros e aos seus homólogos externos.