Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño aborda coas entidades o contido das bases de subvencións para Cultura e Deportes


Distribuiranse 26.000 euros entre aqueles colectivos e clubes que non contan con convenio nominativo

O Concello quere levar a pleno as bases a primeiros ou mediados de xullo

O Concello de San Sadurniño reuniu o Consello de Participación veciñal onte á tardiña no salón de plenos para falar das bases que rexerán a concesión de subvencións ás entidades veciñais e clubes deportivos. En 2020 por causa da pandemia non houbo convocatoria, mentres que en 2021, con practicamente todo paralizado, fixéronse unhas bases moi sinxelas para axudarlles aos colectivos principalmente cos gastos fixos. Agora, de cara a un 2022 en que semella que pouco a pouco se vai ir recuperando o pulso social, o executivo local deseñou unhas bases que son case un calco das de 2019, co matiz de que en Cultura se puntuarán máis as accións relacionadas coa igualdade e os proxectos que emprendan conxuntamente dúas ou máis entidades. En Deportes os fondos distribuiranse primando o número de fichas e equipos de deportes olímpicos. As contías previstas son 16.000 euros en Cultura e 10.000 para entidades relacionadas co Deporte.

As entidades reunidas onte no salón de plenos recibiron previamente unha copia dos borradores das bases para poder revisalas e expor o seu punto de vista sobre delas e, neste sentido, ambos documentos pasaron polo órgano consultivo sen ningún tipo de precisión. A intención do goberno local é aprobalos con carácter inicial nun pleno extraordinario a principios de xullo, co obxectivo de que as asociacións e clubes poidan presentar as súas solicitudes e ter adxudicadas as correspondentes contías a mediados do verán.

A partir de aí xa poderían achegar as xustificacións -sempre con factura oficial e con recibo de transferencia se os pagamentos superan os 100 euros- e percibir a axuda aos poucos días de que se verifique a documentación, sen ter que agardar á data límite do 30 de novembro ou o 30 de decembro como viña ocorrendo nos últimos anos. Tanto en Cultura como en Deportes, os colectivos deberán xustificar a contía concedida máis un 20% a maiores.

Os cambios máis reseñables na convocatoria para Cultura son o de subir ata dous os puntos que se poderán obter por accións relacionadas coa promoción da igualdade real entre mulleres e homes e tamén a de introducir un criterio valorable con ata tres puntos para aqueles proxectos que se desenvolvan en conxunto con outras entidades.

A partida total para actividade de asociacións veciñais e culturais ascende a 16.000 euros, co límite máximo de 5.000 euros de axuda e 1.000 máis se se dispón de local en propiedade ou en rexime de aluguer.

En Deportes o orzamento global é de 10.000 euros, cuxa distribución se fará seguindo cinco criterios: unha partida de 600 euros para entidades que non teñan equipos de deportes olímpicos, 4.900 para aquelas que si participen en competicións de deportes olímpicos -segundo o número de licenzas-, 500 euros para mantemento de instalacións en propiedade ou alugadas, 2.000 euros por número de equipos por categoría e 2.000 euros para distribuir por programa presentado, en base ao importe do orzamento que se propoña na solicitude (ata os 1.000 euros outórganse 0,50 puntos, e o baremo vai incrementándose até os 5 puntos que se poderán obter por orzamentos superiores aos 10.000 euros).

Outros asuntos
Á xuntanza do Consello de Participación Veciñal -que foi máis que nada unha toma de contacto tras tres anos de parón- asistiron representantes da AC Brío, da ANPA da EIM A Rolada, de O Castelo de Narahío, de Adiante de Igrexafeita, da UDC Narahío, da asociación veciñal de Santa Mariña e tamén da de San Xiao de Lamas. Tamén participaron Secundino García, Amparo Calvo e Manolo Varela por parte do Grupo de Goberno, José Luís Hermida en representación do PP e o técnico municipal de Cultura, Agustín Pérez.

A todas as entidades recordóuselles a importancia de ter ao día no Concello os datos de contacto e da composición das directivas, así como a obriga de utilizar correctamente os logos municipais e do proxecto de xeoparque na cartelería e outro material de difusión das actividades subvencionadas.

Tamén se comentou que o Concello ten un convenio coa SGAE de cara a cubrir os custes de dereitos de autor de músicas que se reproduzan en eventos organizados polas asociacións, que en todo caso deberán comunicárselle ao técnico de Cultura para evitar reclamacións da sociedade de autores. Neste acordo non entran as festas patronais organizadas por comisións, que xa lle pagan o prezo dos dereitos de autoría á axencia de contratación xunto cos cachés das orquestras.

Por último tamén se avanzou que as asembleas itinerantes polas parroquias se celebrarán, previsiblemente, a partir de setembro. A finalidade da rolda de contactos con todas as entidades do territorio é recoller ideas, propostas e investimentos susceptibles de incluírse nos orzamentos do ano 2023.