O período de exposición pública remata o 4 de xullo.
O Concello da Laracha puxo hoxe a disposición da cidadanía na web municipal (www.alaracha.gal) documentos tipo de alegacións contra o proxecto do parque eólico Carboeiro e a súa liña de evacuación, que se atopan en período de exposición pública.
O proxecto contempla a instalación de oito aeroxeneradores de 4,5 MW de potencia unitaria, dos cales dous estarían situados na zona alta da larachesa parroquia de Erboedo. Nun deles, os núcleos máis próximos son A Portela e Vilarmaior, e o outro está previsto preto do límite co municipio de Culleredo.
Entre os argumentos técnicos que esgrime o Concello sobre a viabilidade do parque eólico están a necesidade de incluír un estudo máis profundo das posibles afeccións ambientais e paisaxísticas nas poboacións máis próximas aos aeroxeneradores, así como o impacto visual e acústico. Tamén se solicita que a promotora realice un estudo da captación de augas veciñais na zona, especialmente na parcela na que se situaría a subestación, e que especifique as ocupacións de vías pola maquinaria pesada que levaría consigo a execución das obras. Ademais, reclámase que proxecto desenvolva o emprego directo e indirecto que xeraría o parque eólico e os beneficios para a contorna afectada.
En canto á liña de evacuación de alta tensión, na alegación tamén se incide no impacto visual e proponse, ademais, unha modificación no seu trazado para que non discorra por terreos agrícolas.
Os documentos de alegacións redactados polo Concello poden ser descargados da web municipal, cubertos e presentados por calquera particular ante a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación como data límite o 4 de xullo.