Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Boqueixón investirá máis de 1,1 millóns de euros de fondos propios en actuacións de mellora no municipio


O programa de inversións inclúe actuacións en parques infantís, aglomerado de estradas, mellora de pistas, un plan de sinalización do concello, actuacións na zona industrial de Camporrapado e o acondicionamento da área recreativa de Gastrar

O pleno de Boqueixón, reunido onte mércores de forma extraordinaria, acordou aprobar unha modificación de crédito de 928.659,08 euros con cargo ao Remanente Líquido de Tesourería. Un investimento que permitirá acometer dez proxectos “que responden ás necesidades e peticións dos veciños de Boqueixón como o novo parque infantil no campo da Festa de Lestedo, un programa de sinalización de todo o concello ou o aglomerado das estradas de Casalpegito á Moa e de Ardarís a Rubial, entre outras actuacións”, explicou o alcalde, Manuel Fernández Munín.

Unha modificación de crédito aprobada cos votos do Grupo de Goberno e a abstención da oposición municipal. De feito, o concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, adiantou que “esta é a primeira modificación, que suporá un investimento de 1.116.000 euros en Boqueixón pero non será a última, porque en xullo imos traer unha segunda para poder acometer actuacións procedentes de subvencións conseguidas por este grupo de Goberno e ás que agora temos que dotar das achegas municipais”.

Programa de inversións

As actuacións máis importantes, orzamentariamente falando, son a mellora con aglomerado do viario das pistas de Casalpegito á Moa (224.462,82 euros) e de Ardarís a Rubial (174.893,19 euros). “Son dous aglomerados de urxente realización xa que son pistas que vertebran e comunican parroquias, polo que soportan bastante tráfico”, indicou José Manuel Iglesias.

Así mesmo, destinaranse outros 91.593,37 euros á construción dun novo parque infantil no campo da festa de Lestedo. Manuel Fernández Munín explica que “a mellora deste parque é unha demanda que temos da veciñanza de Lestedo e finalmente decidimos retirar o que hai e facer un novo parque infantil nunha zona onde a poboación está medrando”. Ademais, adiantou un investimento de 57.676,14 euros para melloras nos parques infantís das escolas de Lestedo e Camporrapado, que incluirán o cambio do solo e a mellora dalgúns xogos.

Plan de sinalización

Por outra banda, o Concello de Boqueixón destinará 261.947,56 euros á realización dun plan de sinalización de núcleos de todo o municipio. A maiores, este programa de inversións inclúe tamén a achega municipal a proxectos que conseguiron financiamento por parte da Xunta de Galicia como os 30.000 euros para a mellora dos viarios perimetrais do polígono de Camporrapado (proxecto de 150.000 euros dos que a Xunta aporta 120.000 euros) ou os 13.353,85 euros para a realización dunha senda en Rubial, que se sumarán aos 15.000 euros achegados polo Xacobeo para “acometer o tramo dende a renovada praza de Rubial para garantir a seguridade dos peregrinos e veciños que discorren por esta zona”, apuntou o alcalde Manuel Fernández Munín. Tamén se financiará con cargo ao Remanente a achega municipal (11.189 euros) para o investimento de 64.473 euros dentro do Plan AGADER de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.

Finalmente, o programa inclúe a financiación de dous proxectos que non conseguiron fondos da Xunta de Galicia e que o Concello de Boqueixón acometerá aportando o 100% dos fondos necesarios. Así, destinaranse 48.397,17 euros ao acondicionamento dunha área recreativa en Gastrar e 15.145,34 euros para a corrección de impactos paisaxísticos no lavadoiro de Camporrapado.

Resto da sesión

O Pleno tamén aprobou o cambio dun camiño de titularidade pública a senda peonil en Rodiño Pequeno, a modificación da taxa de expedición de documentos administrativos e solicitarlle á Deputación da Coruña a cesión dun tramo da DP-1201 Rodiño-Codeso. A intención inicial é que parte dese tramo poida ser engadido ao campo da festa, se ben o voceiro do Grupo de Goberno, José Manuel Iglesias, especificou que “unha vez que os terreos sexan de titularidade municipal, despois lle buscaremos a mellor solución tanto para os veciños como para a circulación de vehículos na zona”.