Friday 22 de November de 2024

O Concello oferta rutas guiadas e gratuítas polo Monumento Natural no verán


Desde o 2 de xullo ata o 15 de setembro, o Concello de Oleiros ofertará rutas guiadas gratuítas polo Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes. As persoas interesadas en participar deberán reservar a súa praza chamando ao teléfono 981 618 154.

As rutas terán lugar os xoves e os sábados ás 10:30 horas. Aquelas persoas que o desexen poderán coñecer diferentes tramos da Costa de Dexo-Serantes acompañadas dunha guía que lles ensinará os valores culturais, naturais e etnográficos deste fermoso tramo da costa.

A Aula do Mar, situada na antiga casa do fareiro de Mera, serve de punto de atención turística para os numerosos visitantes que se achegan ata ese emblemático lugar. O horario de atención ao público do centro é de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas de luns a domingos.