O salón de plenos de Brión acolleu a asemblea semestral da entidade, na que se aprobaron as contas de 2021
O salón de plenos do Concello de Brión acolleu a asemblea da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, na que se aprobaron as contas de 2021 e se acordaron distintas actuacións a acometer nos vindeiros meses. Entre estas actuacións figuran o desenvolvemento dun plan de sinalización do Camiño e a realización de diversas actuacións de mellora no seu trazado.
A presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, fixo fincapé na necesidade de “manter unha imaxe única para o Camiño e que todas as actuacións que se fagan non só sexan respectuosas co patrimonio senón que manteñan unha uniformidade para así lograr unha imaxe única para todo o trazado”. Unha uniformidade que se reforzará a través do plan de sinalización do Camiño, que se acometerá durante os próximos meses grazas á colaboración do Xeodestino Muros-Noia.
Cesión da marca Portus Apostoli
Teresa Villaverde apostou por seguir facendo actuacións de promoción do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia e anunciou a chegada de importantes grupos de peregrinos durante o verán, para o que será preciso coordinar esforzos entre todos os municipios presentes á hora de buscarlles acollida. Unha actividade de promoción á que se incorporará a marca “Portus Apostoli”, cuxo uso foi cedido á Asociación por parte do Pleno Municipal de Noia. Villaverde Pais agradeceulle ao Pleno e, nominalmente, ao alcalde de Noia, Santiago Freire, a cesión desta marca, que será empregada para a promoción turística e cultural do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia.
A presidenta da Asociación tamén informou de que o Camiño pola ría de Muros-Noia é a día de hoxe o itinerario onde está máis implantado o sistema de autoselado para as credenciais do peregrinos. Trátase dun sistema que permite ao peregrino selar a súa credencial nas parroquias polas que discorre o Camiño en calquera momento e sen necesidade de persoal, o que complementa á opción de facelo nos establecementos comerciais e de hostalería.
Peregrinacións en Brión
Finalmente, a asemblea tamén deu o visto bo a unha petición do Concello de Brión para desviar uns metros o trazado do Camiño ao seu paso por Gundín para así evitar unha zona perigosa onde os peregrinos tiñan que compartir calzada con vehículos que pasan a gran velocidade por unha curva de escasa visibilidade.
Pola súa banda, o alcalde de Brión, Pablo Lago, quen actuou como anfitrión desta asemblea, agradeceu a Teresa Villaverde a idea de rotar as asembleas polos distintos municipios membros e aproveitou para anunciar que o Concello de Brión vai poñer en marcha unha iniciativa durante este verán para que os veciños e veciñas que o desexen poidan realizar o Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia en varios fins de semana.
A asemblea da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros-Noia contou coa participación da alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde, e Muros, Inés Monteagudo; e dos alcaldes de Brión, Pablo Lago; Noia, Santiago Freire; Outes, Manuel González; Porto do Son, Luís Oujo; así como dos tenentes de alcalde de Ames, Manuel Lens; e Rois, Manuel dos Santos. Santiago escusou a súa asistencia.