O Concello da Pobra do Caramiñal atópase inmerso no inicio do proceso administrativo para a municipalización do Servizo de Axuda no Fogar que actualmente se presta de maneira mixta: con seis traballadoras da Administración local e máis de vinte contratadas por unha empresa privada. Deste xeito, as empregadas externas pasarán ao cadro de persoal público.
Acompañada dunha das traballadoras sociais, Teresa Pérez, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), anuncia que se encargou a redacción dun informe que analizase o estado actual do SAF coa intención de detectar as posibles eivas ou opcións de mellora, do cal se extraeu que a prestación directa do mesmo por parte de persoal municipal sería sostible. A edil fai fincapé na importancia desta iniciativa coa que se busca “garanti-la estabilidade.”
Esta cuestión levarase á sesión extraordinaria do pleno da corporación para o día 30 de xuño, cuxo primeiro paso será a designación dunha comisión de estudo formada polo alcalde, a propia concelleira e persoal técnico do Concello.
Esta delegación encargarase da elaboración, nun prazo máximo de dous meses, da memoria relativa aos aspectos social, xurídico, técnico e financeiro da prestación do servizo público referido.
Cerecedo manifesta que se agarda asumi-la xestión directa pública entre os meses de setembro e outubro unha vez concluído todo o proceso administrativo.