Friday 22 de November de 2024

O Concello renovará o paseo marítimo no tramo que conecta o dique de abrigo e o cemiterio de San Amaro


O Goberno municipal licita por 3,1 millóns de euros para o plan de humanización e mellora nun espazo emblemático da cidade

Os traballos abranguen o soterramento dos raíles do tranvía nun tramo de quilómetro e medio, así como a previsión de axardinar case 7.000 metros cadrados na contorna

O Concello da Coruña aprobou hoxe, en Xunta de Goberno Local, a licitación dos traballos para a reurbanización do tramo do paseo marítimo entre o dique de abrigo e o cemiterio de San Amaro, un percorrido de case quilómetro e medio de lonxitude que será renovado e mellorado co obxectivo de humanizar un espazo emblemático da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o proxecto, integrado dentro da Estratexia Urbana de Desenvolvemento Sostible (EIDUS), e que implicará un investimento de 3,1 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER. “Desta forma, poderemos acometer a transformación integral do sector leste do Paseo Marítimo e mellorar a contorna en termos urbanos e ambientais”, sinalou a rexedora.

A intervención supón a substitución do firme e o soterramento dos carrís do tranvía desde o viaduto que comezar á altura das Ánimas. Ademais, modificarase o carril bici, bidireccional e de 2,5 metros de ancho; tamén o carril para corredores, bidireccional e 2 de metros de ancho.

Tamén se reordenarán os espazos de circulación de bicicletas e vehículos motorizados, que estarán separados grazas á disposición dunha ringleira de elementos vexetais.

Por outra banda, ampliaranse as zonas verdes xa existentes, coa previsión do axardinamento de case 7.000 metros cadrados e o incremento de arboredo, coa plantación de novos exemplares de bidueiros e liquidámbar. Ademais, disporase unha rede de aspersores para a súa idónea conservación.

O plan de humanización e mellora neste tramo do paseo marítimo tamén abrangue a creación dun novo espazo de xogos infantís e un circuíto de calistenia, orientado á práctica de exercicio