Friday 22 de November de 2024

A Feira de Produtos do Eixo Atlántico permitirá degustar os mellores produtos de Galicia e Portugal na Alameda


A colaboración entre o Eixo Atlántico, o Concello de Santiago e o Concello do Barco de Valdeorras fai posible levar a cabo esta feira que permitirá que os produtores tradicionais de Galicia e Norte de Portugal, poidan promocionar e vender os seus produtos na capital de Galicia.

A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico vénse celebrando desde hai unha década en diferentes cidades que pertencen ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e conta coa participación de produtores de produtos tradicionais de toda Galicia e Norte de Portugal. Esta feira levase a cabo promovida polo Eixo Atlántico e o Concello do Barco de Valdeorras, e neste 2022 conta tamén coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

A feira, que este ano se levará a cabo no Parque da Alameda de Santiago de Compostela, estará aberta ao público os días 1, 2 e 3 de xullo, e contará coa presenza de 17 stands con produtos variados como queixos, aceites, compotas, doces, mel ou viño, integramente do territorio interior de Galicia e Norte de Portugal. O horario de apertura da feira será en horario de mañá de 11.00 a 14.00 e de tarde, de 17.00 a 21.00 horas durante os tres días que durará a mesma. Nela poderá coñecerse, degustarse e comprarse produtos de marcado carácter tradicional, alta calidade e con garantía de orixe. Unha oportunidade para apoiar aos produtores locais, galegos e portugueses, e atopar alimentos que están fóra dos circuítos de venta en grandes superficies polas súas características e os seus pequenos volumes de producción.

Entre os produtos que se poderán degustar na Alameda, están mel ecolóxica do Invernadoiro, queixo artesanal da comarca da Limia, aceite de Tras-os-montes, setas shiitake ecolóxica do Macizo central ourensán, cervexa artesá de Compostela, viño galego do ribeiro e portugués de Mirandela, marmeladas con selo coruñés elaboradas de forma tradicional, castañas da Cabeza Grande de Manzaneda, e moitos produtos máis que farán as delicias do padal do público asistente á feira. Tamén haberá outros produtos de pastalería, como natas e doces tradicionais portugueses, ou bicas de castañas do oriente ourensán, e outros como licores variados de Valdeorras, cosmética natural de Cea ou conservas das rías baixas que recollen nomes dos diferentes camiños de Santiago.

A feira contará tamén con dous stands de artesáns con postos de Artesanía de Galicia que serán os encargados de levar a cabo obradoiros para o público participante xa sexan crianzas ou adultos. Para apuntarse nos obradoiros, as persoas interesadas poderán apuntarse no propio stand dos artesáns durante os días da feira tendo en conta que o aforo é limitado. En Santiago contarase coa participación de artesáns locais.

O acto inaugural deste evento, que terá lugar o vindeiro venres 1 de xullo ás 11.30 da mañá, contará coa presenza da presidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé S. Bugallo, do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez, e do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García.