O Centro de Saúde de Sada arrastra desde hai anos un grande déficit de persoal sanitario (médicos, e, sobre todo, de enfermería) para a poboación que atende, perto de 17.000 veciños, e un PAC que, a maiores, tamén atende a poboación do Concello de Bergondo, uns 6.817 habitantes máis. Unha situación que Alternativa dos Veciños vén denunciando constantemente e que supón un agravio comparativo ao ter asignado ó Centro de Saúde de Sada unha ratio de persoal sanitario moi inferior a doutros concellos da contorna coma Betanzos, Pontedeume, Cambre ou Culleredo. De feito, para Alternativa dos Veciños é absolutamente inaceptable que en Sada só haxa un fisioterapeuta para 16.000 habitantes, que só haxa dous médicos e un enfermeiro/a no PAC para as urxencias ou que na función administrativa cada traballador teña que atender a máis 4.000 persoas.
Por outra banda, Alternativa dos Veciños ve con perplexidade as grandes inversións unilaterais en centros de saúde financiados ó 100% pola Consellería de Sanidade en concellos onde goberna o PP coma é o caso de Abegondo, mentres se desatenden os Servizos básicos necesarios para a poboación de Sada e Bergondo. Alternativa dos Veciños ve con bos ollos que se constrúa un novo Centro de Saúde en Abegondo ou noutros municipios onde se necesite, pero, en ningún caso pódense desatender outras necesidades ou implantar estas diferenzas de trato en materia sanitaria, sobre todo en concellos cunha importante poboación coma é o caso de Sada e Bergondo.
Esta situación deteriora enormemente a calidade do servizo ofrecida ós cidadáns en todos os aspectos e, por exemplo, no caso da Covid 19, Alternativa dos Veciños xa recabou queixas de varios doentes desta enfermidade que non tiveron ningún seguimento por parte dos seus facultativos por verse estes superados na carga do seu traballo diario.
En todo caso, Alternativa dos Veciños seguirá a reivindicar os dereitos e necesidades dos veciños e veciñas de Sada e continuará a prestar o seu apoio ás organizacións sindicais coma a SATSE que xa advirtiu hai días da falta de persoal de enfermería no centro de saúde de Sada, e auguraba un verán complicado debido o aumento da poboación polo turismo fronte as baixas médicas ou vacacións dos facultativos.