_Shasha Malov (tenis de mesa) convértese no deportista galego máis novo recoñecido, ao acadar o rendemento deportivo de base
_Entre os 711 deportistas recoñecidos destacan 19 con diversidade funcional (13 homes e 6 mulleres) o número máis alto da serie histórica
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a resolución do 9 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de persoas deportistas recoñecidas como de alto nivel, alto rendemento e rendemento deportivo de base de Galicia, árbitros, técnicos e deportistas recoñecidos vitalicios, así como as solicitudes desestimadas e a causa. En total, das 105 solicitudes presentadas, son 93 os deportistas recoñecidos, sendo, 62 deportistas de alto nivel (18 mulleres e 44 homes ), 9 de alto rendemento (4 mulleres e 5 homes), 16 de rendemento deportivo de base (8 mulleres e 8 homes), 1 técnico (home), 1 árbitro (muller), 1 xuíz (muller), 2 vitalicios (1 muller e 1 home). Nesta ocasión un total de 12 deportistas non foron recoñecidos ben por non cumprir os méritos deportivos ou ben por irregularidades no trámite administrativo.
Entre estes nomeamentos destacan os dous vitalicios, a piragüista Teresa Portela, que vén de gañar a medalla de prata nos últimos Xogos Olímpicos de Tokio, na modalidade K1 200m, e que é unha das deportistas que leva máis anos recoñecida como deportista galega de alto nivel, e o tamén piragüista Cristian Toro, que fora xa ouro olímpico en 2016 na modalidade K2 200m. Con este outorgamento, a Secretaría Xeral para o Deporte recoñece a prolífica carreira deportiva destes dous atletas galegos que se unen a outros nomeados anteriormente coma Carlos Pérez ‘Perucho’ (piragüismo), Támara Echegoyen (surf), Sebastián Rodríguez Veloso ‘Chano’ (natación-deporte adaptado) e Carlos Arévalo (piragüismo).
Entre outros deportistas recoñecidos nesta última resolución atópanse tamén Adrián Ben (atletismo), María De Valdés (natación), Tania Fernández (piragüismo) ou Irene García (remo) como deportistas de alto rendemento . Mónica Flores foi recoñecida como xuíza na modalidade de paratríatlon que xunto a Jacobo Garrido, recoñecido de alto nivel na modalidade de natación adaptada, son os dous novos nomeamentos de deportistas con diversidade. Luciano Planas foi recoñecido como técnico de alto nivel na modalidade de boxeo e Tania Fente como árbitra de alto nivel na modalidade de fútbol. Tamén cómpre salientar o recoñecemento do rapaz de dez anos, Shasha Malov, como deportista de rendemento deportivo de base na modalidade de tenis de mesa, que se converte no deportista galego recoñecido máis novo.
Con esta última resolución publicada no DOG a comunidade galega alcanza xa os 711 deportistas recoñecidos, divididos en 594 de alto nivel, 27 de alto rendemento, 67 de rendemento deportivo de base, 12 técnicos, 2 árbitros, 3 xuíces e 6 vitalicios. Destes deportistas recoñecidos, o 62% (442) son homes e o 38% (269) mulleres. Entre os 710 deportistas recoñecidos, cómpre salientar un total de 19 deportistas con diversidade funcional (13 homes e 6 mulleres) que representan o número máis alto da serie histórica.