Friday 22 de November de 2024

Máis dun cento persoas inscritas na ruta de sendeirismo e teatro ‘Camiño do Mercado’


A actividade, organizada polo Grupo Informal Flashback e dentro da Iniciativa Xove, desenvolverase este domingo 6 de setembro na parroquia de Tállara

Máis dun cento de personas están xa inscritas no Camiño do Mercado, unha proposta incluída dentro da Iniciativa Xove e co apoio da Concellaría de Xuventude do Concello de Lousame. Trátase dunha actividade organizada polo grupo informal xuvenil Flashback e que se desenvolverá este domingo 6 de setembro na parroquia lousamiana de Tállara. A iniciativa consiste principalmente no desenvolvemento dunha ruta de sendeirismo teatralizada, na que os participantes se verán sorprendidos con distintas personaxes durante o seu percorrido.

O punto de encontro será o polideportivo do Sanguiñal (Tállara) ás 10.00 horas. Dende alí os asistentes realizarán un percorrido de aproximadamente 5 quilómetros por distintos puntos desta parroquia. Estímase a realización de varias paradas que coincidirán coa aparición de divertidas personaxes encarnados polos membros do grupo de teatro Senda XXI.

A xornada de lecer concluirá coa representación dun mercado tradicional con postos de artesanía e degustación gratuíta de produtos típicos galegos. Neste caso, participan e colaboran os propios veciños da parroquia e varios voluntarios. Tamén haberá obradoiros de maquillaxe para os máis cativos e actuacións da agrupación Limagoia e de gaiteiros.

Os interesados en participar nesta actividade, que é de carácter totalmente gratuíto, deben formalizar a súa inscrición a través do Facebook do grupo informal Flashback (www.facebook.com/flashback) ou no teléfono 634 701 135.