O cantante realizará un repaso dos grandes éxitos da súa carreira e presentará o seu novo disco, ‘Sanz’
Pola coincidencia coa noite de San Xoán, o Concello da Coruña despregou un dispositivo especial de tráfico e reforzou o servicio de transporte urbano para a saída do concerto, que comezará ás 22.30 horas, con apertura de portas ás 20.30 horas
O Coliseum da Coruña acollerá mañá, xoves 23 de xuño, o agardado concerto de Alejandro Sanz, tras dous anos de espera debido á pandemia. O cantante presentará ‘Sanz en Vivo’, a xira máis grande programada para este ano con 17 concertos en 13 cidades españolas, na que repasará os seus grandes éxitos e os temas incluídos en ‘Sanz’, o seu novo álbum de estudio. Neste disco recopilatorio editado a finais do pasado ano e producido por Alfonso Pérez e Javier Limón, Alejandro Sanz celebra 30 anos de éxitos e percorre distintos estilos cos coidados arranxos que veñen marcando toda a súa traxectoria.
Xa quedan moi poucas entradas dispoñibles, que se poden adquirir en Ataquilla.com. A apertura de portas realizarase ás 20.30 horas e o concerto comezará ás 22:30 horas.
Debido á súa coincidencia coas actividades principais das Festas de San Xoán, o Concello da Coruña despregou un dispositivo especial de tráfico na zona do Coliseum e tamén se reforzará o servizo de transporte urbano para a saída do recinto, con tres autobuses desde a avenida de Alfonso Molina, xunto á pasarela peonil, ata a praza de Pontevedra.
Próximos concertos programados no Coliseum da Coruña
Nos próximos meses, o Coliseum da Coruña continuará abrindo as súas portas a outros grandes artistas do panorama nacional e internacional, sumando citas ao ciclo de concertos de este ano 2022. Entre eles destaca o concerto da artista Rosalía, que presentará o día 29 de xullo o seu último traballo, ‘Motomami’. Durante os próximos meses tamén está previsto que actúen na Coruña intérpretes e grupos da categoría de Joan Manuel Serrat, Camilo, Simple Minds, Leiva, Malú, Melendi, Dani Martín ou Antonio Orozco, entre outros.