Comeza o 3 de outubro e as 25 prazas cóbrense por orde de anotación, dándolles preferencia ás persoas empadroadas no municipio
O departamento de Cultura do Concello de Oroso organiza un curso de monitoraxe de actividades de tempo libre, para o que mantén aberto o prazo de inscrición. O curso conta cun máximo de 25 prazas, que se cubrirán por orde de anotación e outorgándolles preferencia ás persoas empadroadas no municipio.
Está previsto que as clases se desenvolvan no Local dos Maiores, en Sigüeiro, todos os sábados dos meses de outubro, novembro, decembro e xaneiro, ademais dos días 28 e 29 de decembro e 4 de xaneiro. O horario será de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas. En total, son 200 horas dunha fase teórico-práctica, á que seguirán 14 días de actividade nun campamento ou 150 horas nunha entidade de tempo libre.
Poden participar neste curso, impartido pola Escola Galega de Tempo Libre, persoas maiores de idade que conten cando menos co graduado na ESO. As solicitudes deben presentarse no Centro Cultural Casas e Novoa de Sigüeiro e teñen que ir acompañadas dunha fotocopia do DNI, unha foto tamaño carné e a fotocopia do resgardo bancario da matrícula.
O importe total do curso é de 250 euros, dos que 100 deben pagarse na conta bancaria que se facilita no momento da inscrición como importe de matrícula. Os outros 150 euros páganse en tres prazos: antes do 3 de novembro, antes do 3 de decembro e antes do 3 de xaneiro. A cota inclúe o material, a participación, os apuntamentos e a secretaría do curso. Non se inclúen as taxas de expedición do título, unha vez feitas as prácticas, que ascenden a 11 euros.
O Concello advirte de que unha vez efectuada a inscrición non se aceptarán devolucións do importe da matrícula e o alumnado está obrigado a pagar todo o curso. A organización resérvase a opción de suspender o curso se non suma un número mínimo de asistentes. Nese caso, si se devolverían os cartos.