Saturday 16 de November de 2024

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés convoca a segunda edición do Concurso de Fotografía Dixital “Camiño Inglés”


As fotografías deberán ser orixinais, estar relacionadas con esta ruta xacobea e terán que presentarse antes do 12 de setembro

A Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Asociación de Amigos El Camiño Inglés convocan a segunda edición do Concurso de Fotografía Dixital “O Camiño Inglés”, co que pretenden aumentar a visibilidade e poñer en valor todos os bens patrimoniais, paisaxísticos, etnográficos, gastronómicos e culturais desta ruta xacobea dende calquera dos seus puntos de inicio (A Coruña e Ferrol) ata Santiago de Compostela. Un concurso que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

O concurso está aberto a todas as persoas que o desexen, sexan profesionais ou afeccionados, sempre que as súas fotografías sexan orixinais e inéditas, estean relacionadas co Camiño Inglés e sexan presentadas antes das 23:59 horas do 12 de setembro de 2022. Cada participante poderá achegar un máximo de 3 fotografías en formato dixital á dirección info@caminoingles.gal, indicando título, localización da obra (lugar e concello no que foi tomada), nome e apelidos, DNI, domicilio, teléfono de contacto, correo electrónico e perfil de redes sociais.

As imaxes serán publicadas nas páxinas de Facebook e Instagram da Asociación de Concellos do Camiño Inglés. As catro fotografías que máis reaccións positivas xeren pasarán a unha segunda fase canda outras 18 fotografías elixidas por un xurado profesional ata completar un total de 22 imaxes que conformarán unha exposición que percorrerá os distintos municipios do Camiño Inglés.

O xurado elixirá as tres mellores fotografías de acordo cuns criterios de calidade artística da imaxe, creatividade, significado… Os premios consistirán en bonos de 150, 100 e 50 euros a canxear en diferentes establecementos de aloxamento e restauración do Camiño Inglés incluídos na Rede Stelar, a rede de excelencia e atención ao peregrino promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés.