O Concello de Moeche xa informou hai uns días das propostas para a rapazada a través do campamento Sementeira e das múltiples opcións que ofrece o Verán en Acción para manterse en forma. Porén, canda a actividade de conciliación e deportiva tamén hai que falar dun programa cultural ben cumprido que nos trae cine ao aire libre, xeorrutas, sendeirismo, música e visitas teatralizadas ao castelo que, por certo, xa está aberto co horario ampliado ata o 30 de setembro. Nas seguintes letras resumimos en orde cronolóxica todo o que hai programado, incluídas as citas do Slálom e do XLIII Festival Irmandiño.
Ata o 26 de xuño segue aberta precisamente no castelo a exposición “Galiza: Un pobo, unha selección”, que pode visitarse nos horarios de apertura da fortaleza. Despois dese día, e ata o 31 de xullo, a sala de usos múltiples do centro de interpretación acollerá a mostra “A nosa tradición na madeira”, con obxectos tallados polo torneiro e artesán local José Fernández Hermida.
O venres 8 de xullo, o programa cultural trasládase á Área Recreativa de Souto Grande para a proxección ao aire libre (22:30h) de “Bella e o circo máxico”, filme de animación para público infantil con entrada gratuíta, e sen necesidade de reserva.
Unha semana despois, o sábado 16 de xullo, a Escudería Moeche organiza o VII Slálom Concello de Moeche. A proba retomará o formato do 2019, aínda que introducindo algunha novidade na que a entidade está traballando neste momento. Será puntuable para o Campionato Galego de Slalom 2022.
Na véspera do Día de Galicia, o 24 de xullo a partir das 22:00, o castelo acollerá a “Noite de Galicia” cunha visita guiada nocturna en que a fortaleza contará cunha iluminación especial, ademais da actuación do dúo instrumental formado por Sara Ember e Samuel Antón, The Duellist, gracias á Rede Cultural da Deputación da Coruña. O prezo da entrada está fixado en 4€.
O sábado 30 de xullo ás 22:30h, segunda sesión estival de cine ao aire libre. No castelo proxectarase con entrada de balde a exitosa “Cuñados”. Federico Pérez, Miguel de Lira e Xosé Antonio Touriñán protagonizan esta comedia arredor dunha adega, uns cartos e os líos nos que se meten os tres personaxes.
E o venres 5 de agosto, tamén ás 22:30h, máis cine galego, co pase en Souto Grande de “Valentina”, producida pola ferrolá Chelo Loureiro. A película cóntanos a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista e que teimará en conseguilo. O filme, moi recomendable para toda a familia, levou o premio Goya 2022 á mellor película de animación. Para asistir non fai falla reserva nin pagar entrada.
No programa de man publicado polo Concello de Moeche para darlle difusión a todas as citas do verán xa figura o 20 de agosto como data marcada para a 43ª edición do Festival Irmandiño, que en datas próximas ha de ir desvelando aos poucos o seu programa completo para esa fin de semana, xa cun formato libre de restricións.
Visitas teatralizadas “O castelo non é para nós”
Tralo éxito que colleitou o ano pasado, e agora que estamos na “nova normalidade”, o Concello recupera as visitas teatralizadas coa obra de humor (e moi participativa) “O castelo non é para nós”, interpretada por Raquel G. Crespo e Yago Espasandín. Representarase entre os seus muros os días 9 de xullo ás 21:00h, 7 de agosto ás 12:00h e 27 de agosto ás 17:00h. As entradas xa se poden ir reservando no 981 404 006 ou no correo turismo@moeche.gal. Teñen un prezo único de 5€ para maiores de seis anos.
Rutas e xeorrutas
Dentro das accións culturais, o Concello tamén propón dúas rutas de sendeirismo cun marcado contido histórico entre os castelos de Moeche e o de Naraío. Desenvolveranse os días 22 de xullo e 26 de agosto, serán de balde e o horario aínda está por determinar.
Por outra banda, dentro do programa de dinamización do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal, o Concello de Moeche reedita as exitosas rutas que nos descobren as particularidades do toelo -un tipo de rocha case exclusiva da nosa zona- e as formacións xurdidas nas antigas galerías de Mina Piquito, de onde se extraía cobre.
Ao longo do verán organízanse 9 xeorrutas, dúas delas compartidas con Cerdido: a Xeorruta do Toelo (3 de xullo e 28 de agosto), a Xeorruta de Mina Piquito (16 e 25 de xullo e 6, 18 e 20 de agosto) e a Xeorruta do Cobre, ( 23 de xullo e 21 de agosto).
Como novidade, as reservas haberá que facelas a través da web proxecto.xeoparquecaboortegal.gal, ao prezo único de 9€ con pagamento en liña. Nesta web tamén se pode gardar sitio para acudir a calquera das outras 71 saídas que se farán durante o verán para coñecer as 16 zonas máis representativas e interesantes do proxecto.