Friday 22 de November de 2024

Orquestra en Bastiagueiro e leña gratuíta nas praias pola noite de San Xoán


Oleiros prepárase para unha gran noite de festa este xoves en todo o municipio. En total, hai solicitadas 567 autorizacións para realizar fogueiras nas zonas permitidas. Na praia de Bastiagueiro haberá música desde as 22:30 horas coa orquestra Fania Blanco Show.

Para evitar a contaminación da praia, porase leña a disposición da veciñanza gratuitamente a partir das 20:00 horas nas praias de Bastiagueiro –accesos-, Santa Cristina –caseta de socorrismo-, Santa Cruz –praza do Castelo- e Mera –zona do peirao-. Policía Local, Garda Civil e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil realizarán un importante despregue para impedir a queima de elementos tales como palés, sofás e calquera tipo de obxecto que poida conter cravos. Tamén estará prohibida a introdución de botellas de cristal ou calquera elemento que conteña vidro.

Para poder realizar as correspondentes tarefas de limpeza, as praias deberán estar desaloxadas ás 4:00 h da madrugada. Ao día seguinte, os areais non estarán dispoñibles ata as 14:00 horas.

Para evitar danos persoais e materiais, o Concello lembra a importancia de cumprir as normas establecidas.

– As persoas solicitantes atenderán as indicacións e requirimentos da Policía Local, Garda Civil e do Servizo de Emerxencias e Protección Civil.

– As persoas solicitantes deberán coidar os arredores da fogueira.

– O desenvolvemento das fogueiras deberá axustarse ao permiso concedido.

– O volume máximo das fogueiras en zonas urbanas non excederá os 5 metros de perímetro, nin un metro de altura. En zonas rurais, o volume da fogueira non excederá os 3 metros de perímetro nin os 3 metros de altura.

– Porase especial coidado de non situalas debaixo dos tendidos eléctricos, telefónicos ou outros.

– Non se poderán queimar plásticos, gomas ou calquera outra substancia que ao arder desprenda fume tóxico.

– No caso de que unha fogueira se faga sobre terreos de uso público, nunca se poderá facer directamente sobre zonas pavimentadas nin axardinadas.

– Ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, as persoas responsables encargaranse de que a fogueira quede completamente apagada. Será obrigatorio limpar o espazo da fogueira ao rematar a actividade, deixando o espazo na súa situación previa.

– Nos espazos públicos, e en especial nas praias, as fogueiras colocaranse en liña, afastadas do mobiliario e, en ningún caso se poderán queimar táboas con puntas nin elementos que puidesen causar danos ás persoas usuarias das praias, e non se permitirá acceder a eles con ningún tipo de mobiliario (cadeiras, sofás etc.) nin con vidro, nin cristais.

– Nas praias, as fogueiras non se poderán instalar antes das 20:00 horas e rematarán, todo máis tardar, ás 4:00 horas.

– En todos os lugares públicos autorizados a actividade cesará ás 4:00 horas.