A XGL aprobou convenios coas entidades sociais máis importantes da cidade por 859.000 euros e o acondicionamento das naves de Metrosidero
O Goberno municipal aprobou hoxe a licitación do novo mercado de Monte Alto, que contará con diversas melloras respecto ao proxecto inicial.
Anunciouno así alcaldesa, Inés Rey, tras a celebración esta mañá da Xunta de Goberno Local.
O orzamento para a construción deste novo mercado será de 10,4 millóns de euros. O proxecto inclúe a creación dun mercado provisional para que os praceiros e as praceiras poidan seguir desenvolvendo a súa actividade durante os meses que dure a obra. O novo mercado incorporará tamén melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en acristalamentos como en sistemas de calefacción; melloras nos equipamentos e a reforma da escola infantil e da praza e actuarase tamén sobre a rúa Joaquín González, que quedará peonalizada e reurbanizada.
Dentro do orzamento, ese mercado provisional que se edificará terá un custo de 850.000 euros. A urbanización exterior e a nova rúa peonil chegarán case aos 500.000 euros de orzamento, mentres que a escola infantil ascenderá a 140.000 euros. O resto destinarase aos traballos relacionados co novo edificio. Ademais, está prevista a colocación de árbores na praza e nas beirarrúas, dando á contorna un maior atractivo para as persoas. O prazo de execución, unha vez licitado, será de 26 meses.
“Coa licitación deste novo proxecto queremos dar resposta ás necesidades tanto das persoas traballadoras da propia praza como aos veciños e veciñas do barrio de Monte Alto, que gañarán en servizos e calidade urbana”, apuntou a alcaldesa.
Naves do Metrosidero
O Goberno municipal aprobou tamén o proxecto de acondicionamento das naves do Metrosidero, unha actuación que suporá un investimento de 600.369 euros e que permitirá rematar os traballos pendentes nas naves, unha vez que o Concello culminou a adaptación do proxecto tras a instalación do sistema de ventilación.
As naves contarán con espazos de traballo para que as mozas e mozos poidan reunirse e tamén terá instalacións de carácter deportivo, entre elas unha zona dedicada á escalada, outra para a práctica do parkour e unha máis para skate, todas elas a cuberto e no interior das naves, que contarán tamén con espazos de uso polivalente e para artes escénicas.
Despois da apertura do renovado Remanso, as naves do Metrosidero convertiranse neste mandato na outra referencia na cidade en políticas de mocidade. Con esta inverstimento, o executivo de Inés Rey prevé rematar os traballos pendentes para que as naves poidan entran en servizo. Os fondos, ademais, servirán tamén para acondicionar o espazo exterior circundante, de tal xeito que o conxunto das edificacións sexan accesibles.
O Goberno municipal pretende con estes traballos converter as naves do Metrosidero nun espazo de referencia para a mocidade, espazo que ofrecerá actividades, mais no que as mozas e mozos poderán tamén organizar as súas propias actuacións e reunións e que estará aberto á práctica deportiva. Nas naves está previsto tamén a instalación dun Punto de Información Xuvenil e tamén o Servizo Municipal de Mocidade.
Convenios con entidades sociais
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén sete convenios nominativos con entidades sociais da cidade por un total de 859.000 euros. Trátase das asociacións con máis usuarios e usuarias da Coruña: Cociña Económica, Cruz Vermella e Cáritas. “Estas axudas permitirán seguir avanzando cara a unha cidade máis xusta para todas as persoas e mellorar o funcionamento de entidades fundamentais para a nosa sociedade”, explicou Inés Rey.
O convenio aprobado coa Cociña Económica é de 80.000 euros e servirá para sufragar gastos de funcionamento e mantemento. A entidade ten previsto ampliar os seus servizos coa próxima apertura dun servizo integral de aseo, ducha, lavandaría e gardarroupa.
Por outra banda, o Concello aprobou tamén esta mañá dous convenios nominativos con Cáritas por un total de 325.000 euros. Esta achega municipal servirá para o financiamento da realización dun programa de atención ás persoas maiores en situación de soidade chamado ‘Acompáñote’ e outro programa para persoas en situación de necesidade ou exclusión social.
Por último, o Goberno municipal de Inés Rey tamén aprobou catro convenios nominativos con Cruz Vermella por un total de 454.000 euros. O obxectivo destas axudas é o financiamento dun programa de axudas sociais a persoas en situación de necesidade, ás persoas maiores en situación de soidade, ao financiamento de accións de benestar social e servizos asistenciais e sociais de resposta inmediata.
Licenzas
Outro dos asuntos presentes nesta Xunta de Goberno Local foi a aprobación de licenzas urbanísticas. No período comprendido entre o 3 e o 16 de xuño de 2022 resolvéronse un total de 209 expedientes, entre os que houbo un total de 38 licenzas urbanísticas e 114 obras en réxime de comunicado.
Unha das licenzas aprobadas pola Xunta de Goberno Local corresponde á construción dun edificio de 20 vivendas, rochos, local comercial e garaxe na rúa Joaquín Galiacho, no cruzamento coa rúa Pérez Ardá, de máis de 4.500 metros cadrados. Esta obra conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros e terá un prazo de execución de 36 meses.
Compensación á Compañía de Tranvías
Por outra banda, o executivo municipal tamén aprobou a compensación á Compañía de Tranvías, entidade responsable do servizo de transporte público colectivo da Coruña, polo impacto ocasionado pola redución dos seus ingresos como consecuencia da crise sanitaria e as restricións no transporte de viaxeiros e viaxeiras pola pandemia da Covid-19. O Concello destinará 5,4 millóns de euros, achegados polo Goberno de España con dita finalidade, a este cometido.
O Executivo central outorgou aos municipios fondos específicos para paliar o impacto da pandemia nos servizos de transporte urbano.