A concelleira Mercedes Rosón e Yolanda Castaño durante a presentación da primeira edición do Premio Exeria
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, acompañada pola poeta Yolanda Castaño, presentou esta mañá as bases do “Premio Exeria de proxectos de creación literaria”, que ten como obxectivo, fomentar a creatividade literaria desde a súa orixe e contribuír a súa internacionalización.
Mercedes Rosón explicou que esta convocatoria, organizada pola Concellaría de Acción Cultural en colaboración coa entidade “Residencia Literaria 1863” e o Consulado Xeral de España en Xerusalén, está destinada aos proxectos de creación literaria de autores/as residentes en Santiago “que necesiten dun tempo e un espazo para desenvolver a súa obra”.
O premio ten unha dotación económica de 3.000 euros ademais dunha estadía para creación literaria na residencia Al Mamal na cidade de Xerusalén durante o mes de agosto, cuxa reserva será xestionada polo Concello de Santiago. A edil de Acción Cultural recordou que a edición do ano pasado tivera que ser cancelada tras ter sido convocada debido ás restricións de acceso ao país impostas polo goberno de Israel a causa da pandemia.
A poeta Yolanda Castaño agradeceu ao Concello de Santiago “a súa implicación” nos premios Exeria, sinalando que se trata do “primeiro proxecto que decide apoiar aos escritores durante o proceso de creación e non só unha vez acabada a obra”, e ademais invitou aos autores e autoras a presentar a súa candidatura por tratarse “dunha oportunidade excelente para saír da zona de confort e estimular a creatividade nun contexto diferente”.
Tanto Mercedes Rosón, como Yolanda Castaño destacaron a importancia do nome dos premios, Exeria, a primeira muller da que hai testemuñas escritas, a través do seu propio diario, en peregrinar de Santiago de Xerusalén.
Presentación de solicitudes
Os proxectos presentados deben corresponder a obras en fase de execución e que sexan inéditas. O período de presentación de orixinais é de 30 días contados a partir do día seguinte á publicación das bases no Diario Oficial de Galicia, que se produciu o pasado 17 de xuño.
As e os creadores interesados en participar deberán estar empadroados en Santiago, e presentar unha memoria que describa o proxecto literario que se pensa desenvolver, con indicación do xénero literario, sinopse, estrutura, forma e estilo; un currículo; un cartafol que reflicta o seu traballo literario anterior; así como unha carta de motivación explicando os motivos polos que se presenta á convocatoria.
Está previsto que o fallo dos premios se dea a coñecer no mes de xullo de 2022, previa deliberación dunha comisión formada por tres profesionais de recoñecido prestixio do ámbito literario galego.
As solicitudes poderán presentarse de xeito telemático, a través da sede electrónica ou de forma presencial na oficina de Rexistro xeral do Concello.