A contratación das obras para rehabilitar un edificio de cinco vivendas, por un importe de 1,75 millóns de euros, forma parte do acordo para os Orzamentos 2022
Apróbase tamén un programa piloto de axudas, froito do acordo entre os dous grupos, para que as coidadoras e coidadores de maiores ou dependentes poidan ter respiro
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a licitación das obras necesarias para rehabilitar o edificio situado na esquina entre as rúas Marqués de Pontejos e San Nicolás para destinar as súas cinco vivendas a fins sociais. Estes traballos, que terán un importe de 1,75 millóns de euros, forman parte do acordo entre o PSdeG e a Marea Atlántica que fixo posible a aprobación dos Orzamentos 2022 no Concello da Coruña. Froito deste pacto, aprobouse tamén a creación dunha nova liña de axudas para o autocoidado e o benestar das persoas coidadoras.
Para María García, voceira da Marea Atlántica, “trátase de dúas medidas que beneficiarán a colectivos vulnerables, e que chegan grazas ao entendemento entre dous grupos políticos e ao cumprimento de acordos. Amosan que as políticas públicas dun Concello poden chegar a lugares e dereitos que é moi necesario protexer”.
A rehabilitación en Pontejos para vivenda social é un proxecto que comezou no mandato anterior, coa compra do inmoble e a elaboración do proxecto, e que remata agora a súa tramitación co contrato das obras. Non só permitirá rehabilitar un edificio ruinoso en pleno centro da Coruña, mellorando a calidade urbana, senón que aumentará o parque municipal de vivenda e porá cinco novos pisos a disposición das persoas vulnerables que o precisen.
As obras, que sairán a concurso, terán un custo total de 1.754.136,23 euros, e repartiranse en dúas anualidades. Este ano está previsto investir 297.532,41 euros, mentres que os 1.456.603,82 euros restantes asumiranse en 2023. O importe viuse incrementado nun 47 % sobre o previsto nun comezo, debido ao aumento do custo dos materiais no último ano.
Actualmente, o orzamento en vigor conta con 3,6 millóns de euros para a promoción de vivenda pública en solo municipal, preferiblemente dentro do tecido urbano xa consolidado e con acceso a servizos. É unha medida que se inclúe no pacto polo dereito a vivenda asinado pola Marea Atlántica e o goberno local.
250.000 euros para que as persoas coidadoras teñan un respiro
Na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse tamén a posta en marcha dunha convocatoriade axudas para promover o benestar e o autocoidado das coidadoras e coidadores de persoas dependentes, financiada con 250.000 euros da área de Servizos Sociais. Unha iniciativa que comeza como proxecto piloto, que pode chegar a 500 familias, e que tamén estaba incluído no pacto entre o PSdeG e a Marea Atlántica para a aprobación dos orzamentos municipais vixentes.
A alcaldesa, Inés Rey destacou que se trata dunha iniciativa pioneira para “coidar a aqueles que coidan a outros e que asumen moitas veces unha inmensa carga de traballo que, con esta iniciativa, procuramos, ao menos, aliviar”.
Trátase dunha prestación dirixida a persoas coidadoras, empadroadas na Coruña. que atendan a dependentes de grao III e que teñan concedido o Servizo municipal de Asistencia no Fogar. Cada solicitante poderá optar a 500 euros, cos que financiar servizos como fisioterapia, formación, atención psicolóxica, prácticas deportivas…
Esta axuda vai dirixida directamente ás persoas coidadoras, consideradas un colectivo vulnerable polo desgaste físico e mental que supón atender a alguén cunha gran dependencia, incluíndo o illamento social e a perda de poder adquisitivo, xa que é habitual que deban reducir xornada ou deixar o emprego remunerado. O seu traballo invisible é fundamental para a vida, e por iso as administracións deben coidar a quen coida.