Thursday 21 de November de 2024

Os sete concellos polos que discorre o Camiño do Bispo unen forzas a favor da súa protección, posta en valor e divulgación


Os alcaldes asinaron esta tarde un convenio de colaboración no que se comprometen a presentar a candidatura deste Camiño Real recoñecido coa Compostela para a súa inclusión no rexistro de Camiños Culturais de Galicia

Os alcaldes dos sete municipios polos que discorre o Camiño do Bispo, Camiño Real entre Mondoñedo e Ferrol e ruta de conexión entre os camiños francés e inglés, unen forzas a favor da súa conservación, posta en valor e divulgación. Así, esta tarde, os rexidores de Mondoñedo, Abadín, Muras, Xermade,

As Pontes, San Sadurniño e Neda rubricaban un convenio a sete bandas para materializar esa necesaria colaboración encamiñada ao recoñecemento do itinerario como camiño cultural nunha primeira fase, e como Camiño de Santiago como obxectivo último. O acto tiña lugar na Casa das Palmeiras de Neda, coa asistencia de José María López (alcalde de Abadín); Valentín González Formoso (As Pontes), Manuel Ángel Otero (Mondoñedo), Manuel Requeijo (Muras), Ángel Alvariño (Neda), Secundino García (San Sadurniño) e Roberto García (Xermade).

O acordo chega despois da concesión da Compostela por parte do Canónigo Delegado de Peregrinacións do Cabildo da Catedral de Santiago. Un recoñecemento que poñía o broche de ouro á solicitude cursada polo Concello das Pontes, e que abría a posibilidade de expedir a Compostela nos municipios polos que discorre o camiño real.

O indubidable valor do Camiño do Bispo como ben cultural facía entón imprescindible unha intervención conxunta para a súa protección e posta en valor en relación aos elementos do patrimonio cultural -materiais e inmateriais- e do patrimonio natural existentes ao longo desta vía.

A través do citado convenio, os sete concellos comprométense a presentar a candidatura do Camiño do Bispo para a súa inclusión no rexistro de Camiños Culturais da Consellería de Cultura, previa elaboración dos estudos da traza histórica de cada municipio. Esa declaración, xunto ao recoñecemento eclesiástico xa logrado, abriría as portas á consideración do camiño real como ruta xacobea.

Así mesmo, levarán a cabo traballos de conservación e mellora do trazado no seu termo municipal, e realizarán un especial esforzo en materia de difusión do itinerario, con mencións específicas nas webs municipais, redes sociais, folletos e materiais promocionais -formato físico ou dixital-, e facilitando información sobre o mesmo nas súas oficinas de turismo.

O convenio, cunha vixencia de 4 anos prorrogables por outros 2, contempla tamén a posta en marcha dunha comisión de seguemento, vixiancia e control do convenio, que integrará unha persoa representante de cada concello designada pola Alcaldía correspondente.