Saturday 16 de November de 2024

O Día do Deporte na Cidade achegarase máis aos barrios este domingo con cinco zonas de actividade


A cidadanía poderá gozar coa práctica de 68 disciplinas deportivas entre a pista deportiva de Durmideiras, os xardíns de Méndez Núñez, a Cidade Deportiva de Riazor, a praza de Tabacos e a praia de Oza

Ademais, a comezos de xullo, darán comezo os programas de actividades deportivas ‘Coruña en Forma’ e ‘Coruña no Mar’, ideados para a realización de exercicio ao aire libre e en espazos naturais da Coruña

A Coruña vivirá este domingo 26 unha nova edición do Día do Deporte na Cidade, unha cita xa tradicional do calendario deportivo anual no concello e que, neste 2022, asentará a aposta por un modelo integrador, cunha maior presencia nos barrios, un formato posto en marcha durante o vixente mandato de Inés Rey.

A programación de actividades, un total de 68, presentouna esta mañá a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, no Palacio dos Deportes de Riazor. Martínez puxo en valor o impacto do Día do Deporte na Cidade en termos de proximidade, xa que se levará a cabo en cinco zonas de actividade: a pista deportiva de Durmideiras; os xardíns de Méndez Núñez; a Cidade Deportiva de Riazor; a praza de Tabacos, na contorna da Palloza; e a praia de Oza. Será en horario de mañá (11.00 a 14.00 horas), e de tarde (16.00 a 19.00 horas), coa participación de máis de setenta entidades deportivas e sociais da cidade.

Desta forma, durante o domingo, a cidadanía poderá gozar coa práctica de múltiples disciplinas deportivas como fútbol, baloncesto, bádminton, ximnasia artística, taekwondo, escalada, boxeo e windsurf, entre moitas outras.

O obxectivo é achegar á poboación a actividade física e o exercicio, como instrumento fundamental para manter a saúde, a cohesión social e a adquisición de valores, contando coa colaboración das entidades do tecido deportivo coruñés.