Saturday 16 de November de 2024

Participación de alumnado do Apóstolo Santiago nos obradoiros de marisqueo da Pobra


Os obradoiros de marisqueo que se desenvolven na Pobra do Caramiñal continúan espertando a curiosidade da comunidade educativa. Así, neste 21 de xuño, recibiron a visita dun novo colexio de Compostela coa participación dun total de 47 alumnas e alumnos de 3.° e 4.° da primaria do Apóstolo Santiago.

Seguindo a dinámica habitual, a primeira parada foi no Auditorio do Museo Valle-Inclán, lugar no que foron recibidas e recibidos por unha das técnicas do Turismo do Concello para, deseguido, encamiñarse á praia dos Areos e coñece-lo mundo do marisqueo coas propias mariscadoras: dende cales son as especies presentes no litoral do municipio ata o proceso de extracción e os aparellos que se empregan para tal fin. Estes coñecementos complementáronse coa proxección previa dunha peza audiovisual que reflicte a cadea pola que pasan os bivalvos ata chegar aos pratos en forma de saborosas receitas, que se recollen nunha publicación da que se lle fixo entrega coas diferentes elaboracións de establecementos hostaleiros da localidade.

Esta iniciativa nace da man da Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), en colaboración da Asociación Mar da Pobra, cos obxectivos de achega-lo oficio das mariscadoras ás novas xeracións e fomenta-lo respecto polo mar, polo traballo neste eido e polo medio natural, ademais de contribuír con esta acción á desestacionalización da demanda turística.