Habilitarase unha senda de uso mixto para peóns e ciclistas na marxe esquerda da vía, con 2,2 km de lonxitude e un ancho medio de 2,5 metros
Vázquez Mourelle avanza que o obxectivo é iniciar no outono os traballos, que teñen un prazo de execución de 10 meses e poderán estar finalizados no verán de 2023
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe a licitación das obras, por importe de preto de 1,5 millóns de euros, da nova senda entre Proame e O Cancelo, no concello da Laracha, que permitirá completar un itinerario peonil continuo de máis de 7 quilómetros ao longo da estrada autonómica AC-552 ao seu paso por este municipio.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou esta mañá esta actuación coincidindo co inicio da contratación das obras.
O novo itinerario ten como principal obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños, conectando as vivendas da zona de Proame cos principais servizos e equipamentos do municipio. Ademais, coa súa execución, o Goberno galego dá resposta á petición trasladada polo Concello da Laracha.
Ethel Vázquez concretou que as empresas interesadas na execución deste novo itinerario teñen de prazo ata o 18 de xullo para presentar ofertas. A partir de aí realizaranse os trámites administrativos necesarios co obxectivo, dixo, de iniciar as obras no outono para telas rematadas no verán de 2023, xa que contan cun prazo de execución de 10 meses.
Esta actuación será financia no marco do programa do Fondo Europeo REACT-EU.
Segundo explicou, habilitarase un itinerario de uso mixto, peonil e ciclista, pola marxe esquerda e en paralelo á estrada autonómica AC-552, de 2,2 quilómetros de lonxitude e cun ancho medio de 2,5 metros. En tres treitos concretos, onde hai vivendas nas marxes, a senda terá un ancho menor pero garantirase, en todo caso, un ancho de 1,80 metros.
O itinerario executarase en formigón coloreado, cor terriza, para unha maior integración na contorna. Disporase, ademais, unha franxa verde de separación que oscilará entre os 1 e os 2 metros, en función do ancho dispoñible, e elevada sobre a beiravía.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade detallou que nas zonas de vivenda ou de negocios habilitaranse aparcadoiros en liña e tamén se mellorará a accesibilidade das paradas de autobús, dispoñendo máis espazo para os peóns e pavimento táctil diferenciado nas zonas de cruce e nas propias paradas.
Ademais, coincidindo co cruce sobre o rego de Quenxe, executarase unha pasarela de preto de 16 metros de longo, con varanda metálica nun treito, para continuar o itinerario.
A intervención completarase con muros de cachotería para soster a senda en tres treitos; a disposición de rega para o mantemento da franxa axardinada; e a colocación de prismas de servizos, para a preinstalación de iluminación e telecomunicacións.
Ethel Vázquez incidiu en que a senda entre Proame e O Cancelo dará continuidade aos itinerarios xa rematados en anos anteriores: entre O Cancelo e A Laracha, de 2 km, e entre A Laracha e Paiosaco, cun investimento total da Xunta de 3 M€. Referiu tamén que, no mes de decembro quedou rematada unha pequena senda peonil no Cancelo, pola marxe dereita da AC-552 na zona de acceso á autoestrada AG-55 e ao parque empresarial.
A conselleira de Infraestruturas enmarcou estas actuacións na aposta que vén realizando a Xunta polo fomento dunha mobilidade máis saudable e sostible e para favorecer desprazamentos a pé máis cómodos e seguros; unha aposta que se ten traducido xa na execución de 200 quilómetros de sendas e nun investimento de 50 millóns de euros.