O espectáculo, que comezará este mércores ás 20.00 horas, intégrase no contexto da programación de actos culturais previos ás festas de San Xoán 2022 na cidade
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) volve mañá ás rúas da cidade para ofrecer ‘Tarde de música latinoamericana’ un concerto que terá lugar na praza da fonte de San Andrés e achegará ao público asistente a grandes composicións con ecos do continente americano.
O espectáculo terá lugar este mércores, ás 20.00 horas, e o director alacantino Juan Miguel Romero Llopis (Monforte del Cid, Alacante; 1975) volverá levar a batuta da agrupación. Romero Llopis provén dunha familia de músicos, polo que a súa relación coa disciplina comezou dende moi novo. Formouse como profesor de clarinete e obtivo a cualificación de matrícula de honra, ademais de graduarse como director de orquestra polo Conservatorio Superior de Música de Murcia. Ademais, Llopis foi director titular das Bandas Municipais de Santiago de Compostela e Palma de Mallorca.
‘Tarde de música latinoamericana’ abrangue sete pezas entre as que destaca “Tango Gardel”, de Carlos Gardel. Durante o concerto, ademais, terán protagonismo obras de compositores como Franco Cesarini, Zequinha de Abreu e Alfred Reed, nunha sesión que levará ao público asistente a países como México, Brasil e Arxentina.
O concerto da Banda Municipal de Música, enmarcado na programación de actividades culturais polas festas de San Xoán 2022, será de acceso libre ata completar capacidade.
Trátase da segunda actuación prevista pola agrupación nesta tempada estival, no contexto do programa de concertos que se levarán a cabo ao aire libre, en espazos da cidade, durante os meses de xuño e agosto.
O Ágora será hoxe o punto de encontro das mulleres que dirixiron a BMMC
Este martes, ás 17.00 horas, o Centro Sociocultural Ágora acollerá #EnClaveFeminina, un acto que se levará a cabo en formato de videoconferencia, gratuíto e aberto á cidadanía, para dar a coñecer a historia das mulleres que dirixiron á Banda Municipal de Música ao longo da súa historia.
Mercedes Padilla, Pilar Vañó e Celia Torá, que no pasado levaron a batuta da agrupación como directoras convidadas, interactuarán co público asistente examinando a súa traxectoria profesional á fronte de bandas musicais en todo o país.
A sesión contará coa presenza de Elena Umbría, directora da Escola Municipal de Música da Coruña.