Friday 22 de November de 2024

Román Rodríguez destaca o éxito do Stembach, bacherelato no que xa se titularon case 750 alumnos, máis de metade mulleres


— Salienta estas ensinanzas como unha oportunidade para descubrir vocacións científicas e establecer o primeiro contacto co mundo universitario

— Valora a Estratexia de Educación Dixital 2030 da Xunta como a máis ambiciosa de todo o Estado

— O Goberno autonómico ten aberto o prazo para incorporar novos centros a este Bacharelato ata o 1 de xullo

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, entregaron hoxe os diplomas aos estudantes que cursaron o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, en colaboración con investigadores universitarios.

Durante a súa intervención o representante da Xunta de Galicia quixo destacar o STEMBach como unha oportunidade para o descubrimento das vocacións científicas, “xa que este primeiro contacto co mundo universitario é un dos mellores xeitos de decidir que facer no futuro”.

Así mesmo, sinalou que a metodoloxía que se aplica nestas ensinanzas contribúe ao desenvolvemento das competencias científicas e tecnolóxicas entre o alumnado, así como “á adquisición doutras competencias transversais como a creatividade, a iniciativa persoal, a resolución de problemas ou o pensamento crítico”, dixo.

Román Rodríguez destacou o éxito de STEMBach, que está implantado en 43 centros educativos de toda Galicia e que, desde o seu inicio no curso 2018/19, se teñen titulado 747 alumnos. A este respecto, sinalou a boa acollida deste Bacharelato entre as rapazas, que constitúen o 55% das tituladas, “un feito especialmente destacado xa que outro dos obxectivos do programa era incorporar a perspectiva de xénero”, explicou.

O conselleiro agradeceu o labor de docentes e, en especial, a colaboración e implicación das universidades no desenvolvemento do STEMBach e reiterou o compromiso do seu departamento coa formación do alumnado para os retos da sociedade do século XXI.

“Por este motivo puxemos en marcha a estratexia de impulso das competencias STEM máis ambiciosa de todo o Estado, a Estratexia de Educación Dixital 2030. Unha folla de ruta que nos sitúa hoxe en día como un referente desta materia en toda España grazas a iniciativas como este STEMBach, os novos Polos Creativos, os Clubs de Ciencia ou os kits de robótica en Primaria”, salientou.

84 alumnos distinguidos
No acto celebrado no Paraninfo da UDC reciben a distinción os 84 estudantes que desenvolveron os seus traballos entre o ano 2020 e o 2022 con esta universidade, procedentes dos institutos Agra do Orzán (A Coruña), Arcebispo Xelmírez II (Santiago de Compostela), David Buján (Cambre), Ortigueira (Ortigueira), María Casares (Oleiros), Miraflores (Oleiros), Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) e Salvador de Madariaga (A Coruña); dos colexios plurilingües Compañía de María (A Coruña), Compañía de María (Santiago de Compostela), La Grande Obra de Atocha (A Coruña), Nuestra Señora del Carmen (Betanzos), Rías Altas (A Coruña) e do colexio Tirso de Molina (Ferrol).

No acto os alumnos estiveron acompañados das súas familias, dos coordinadores de STEBach dos seus centros, dos directores dos proxectos pertencentes á Universidade da Coruña, así como das diferentes autoridades universitarias.

Prazo aberto
Ata o próximo 1 de xullo incluído a Xunta mantén aberto o prazo para que os centros que o desexen se incorporen o próximo curso 2022-23 ao Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, así como para a continuidade dos que actualmente xa participan nel.

O STEMBach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso do Bacharelato, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará co-dirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.

Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas) extracurricular, en 1º e 2º de Bacharelato, que poderá basearse nalgunha das materias relacionadas con este ámbito ou ter un enfoque interdisciplinar, con orientación ao traballo na mellora das competencias comunicativas e dixitais, e que terá unha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.

A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.

Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da materia de afondamento STEM extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.