Saturday 16 de November de 2024

A Xunta felicita á XVII Promoción do Programa de Maiores da UDC no día da súa diplomatura


— O acto, celebrado no paraninfo da universidade na Coruña, supón o peche do curso 2021-22 do programa Universidade Sénior

— Felicitou aos diplomados e destacou o crecente interese das persoas maiores en participar neste tipo de programas, que contan co apoio da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, trasladou as súas felicitacións aos maiores que se diploman este ano académico nalgún dos cursos do programa Universidade Sénior da Universidade da Coruña (UDC). No acto de entrega de diplomas celebrado hoxe no paraninfo da institución participou o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, que puxo en valor a diversidade nas actividades desenvolvidas polos nosos maiores, entre as que se atopa a formación.

Na súa intervención, Fernando González Abeijón destacou o crecente éxito dos programas formativos de maiores, que contan entre as tres universidades galegas con máis de 2200 inscritos este curso. Así, subliñou o apoio que a Xunta presta a estes programas e a importancia de seguir poñendo en marcha este tipo de iniciativas para dar resposta ás demandas dos maiores. Neste sentido, lembrou a aposta do Goberno galego polo envellecemento activo como chave para garantir o seu benestar.

Finalmente, o director xeral destacou o labor desenvolvido polas aulas Cemit, postas en marcha pola Xunta para reducir a fenda dixital. Grazas a estas preto de cen instalacións, o 87% da poboación galega utiliza internet, ferramenta transcendental hoxe en día precisamente en ámbitos como a formación.