Saturday 16 de November de 2024

O Consello de Participación Veciñal de San Sadurniño volve reunirse este mércores despois de tres anos


A última xuntanza do órgano de representación foi antes da pandemia, en febreiro de 2019

Na orde do día van as bases das subvencións para Cultura e Deportes e tamén o calendario das asembleas parroquiais

 

O Concello enviou hai uns días ás entidades do territorio a convocatoria do Consello de Participación Veciñal, que se reunirá no salón de plenos no serán deste mércores 22 de xuño -20:00h.- para falar das bases das axudas de Cultura e Deportes e da programación das asembleas veciñais, que se prevén retomar para comezos do outono. O encontro busca recuperar a normalidade do foro tras tres anos sen xuntanzas presenciais, coa finalidade de restablecer a súa función como espazo de debate e de toma de decisións consensuadas co tecido social.

Os dous primeiros puntos da orde do día abordarán a redacción das bases das axudas para actividade cultural e deportiva de aquelas entidades que non conten con convenio nominativo. No caso das subvencións para asociacións veciñais e culturais, o articulado varía un chisco con respecto ás convocatorias prepandemia, co obxectivo de adaptarse a unha realidade, a deste 2022, na que a maior parte dos colectivos aínda non recuperaron o dinamismo nin as programacións que tiñan antes de 2020.

Ademais, o Concello tamén quere promover que tanto entidades como clubes sigan apostando polas programacións e políticas conducentes a unha igualdade real entre homes e mulleres e, nese sentido, outra das propostas que se tratará no Consello de Participación Veciñal vai na liña de incrementar a valoración destes aspectos á hora de conceder axudas municipais.

Unha vez tratada a cuestión das bases para as convocatorias de axudas, o Consello tamén definirá o calendario das asembleas veciñais, coas miras postas en levalo a cabo entre finais de setembro e mediados de outubro.

A idea da área de Participación é poder concentrar as xuntanzas itinerantes polas parroquias en non máis dunha semana, logo dispor doutra semana ou semana e media para sistematizar as propostas recollidas e fixar o encontro final de defensa e priorización das iniciativas sen exceder os vinte ou trinta días desde o inicio de todo o proceso.

Nos encontros a veciñanza poderá expor as súas inquedanzas sobre necesidades propias de cada parroquia e comúns a todo o concello, ademais de formular ideas sobre obras e proxectos de todo tipo que redunden nunha mellor calidade de vida da poboación.

Esta última parte do Consello de Participación Veciñal daralle paso ao punto final de rogos e preguntas, onde probablemente se acabe falando do estado xeral do tecido asociativo e deportivo do municipio e en como conseguir a súa reactivación tralo parón da pandemia.