Friday 22 de November de 2024

Inés Rey destaca o papel de Aspronaga para promover a autonomía das persoas con discapacidade intelectual na cidade


O Concello colabora activamente coa entidade social a través do financiamento do seu programa de respiro familiar

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, visitou este martes as instalacións de Aspronaga na rúa Pérez Lugín. A rexedora estivo acompañada de Álvaro Martínez, presidente; Rubén Mateos, profesor e director do CEE a Nosa Señora de Lourdes; e Juan Fontela, xerente.

Inés Rey destacou o importante papel das entidades sociais da cidade, como é o caso de Aspronaga. O Goberno municipal colabora activamente con esta asociación a través do financiamento do seu programa de respiro familiar, que promove accións de ocio e formacións para que as persoas usuarias adquiran hábitos de autonomía e habilidades sociais. “Este servizo facilítalles ás familias dispor dun apoio básico ante a necesidade dun descanso”, apuntou a rexedora.

Ademais, a través da Fundación Emalcsa, o Concello financia unha actividade de Musicoterapia no CEE Nosa Señora de Lourdes de Aspronaga coa que os alumnos, través da música, realizan actividades de comunicación, mobilización e expresión e melloran ás súas habilidades físicas, psíquicas, sociais e cognitivas.

Durante a pandemia, Aspronaga cumpriu un importante papel para promover o benestar social na cidade. Grazas ao seu programa Lecer na Casa, conseguiron adaptarse ás restricións e ofrecer os seus servizos a domicilio.