Friday 22 de November de 2024

Máis de 450 peregrinos con discapacidade intelectual percorrerán 7 das rutas oficiais do Camiño de Santiago


O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, acompañado polo deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera Capón; o director do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa; e o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández Pérez, presentaron esta mañá o programa de actividades da Peregrinación Xacobea de Special Olympics Galicia que se desenvolverá entre o 27 de xuño e o 3 de xullo a través dos sete Camiños Oficiais

A partir do vindeiro luns 27 de xuño, a inclusión volve a percorrer o Camiño de Santiago, da man de 473 peregrinos con discapacidade intelectual procedentes de toda España.

Trátase da xa clásica Peregrinación Xacobea que organiza Special Olympics Galicia cada Ano Santo, co fin de visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual así como ás familias, profesionais e persoas voluntarias que conforman dito movemento e que esta mañá presentaba o seu programa de actividades no Concello de Santiago, coa presenza de Gonzalo Muíños Sánchez, concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, de Pablo Rivera Capón, Deputado provincial do PSdeG-PSOE pola Deputación de Lugo, Ildefonso de la Campa, director xeral do Plan Xacobeo e de Eladio Fernández Pérez, presidente de Special Olympics Galicia.

O concelleiro Gonzalo Muiños foi quen deu inicio á quenda de intervencións destacando a estreita colaboración entre Special Olympics Galicia e o Concello de Santiago “unha relación que xa ven de lonxe e que para nós é importante seguir apoiando e potenciando, non soamente en ano Xacobeo, senón todos os anos e nas diferentes actividades da entidade”.

Pola súa banda, o deputado de promoción económica e social pola provincia de Lugo, Pablo Rivera, quixo poñer o foco no apoio e implicación da Deputación lucense nesta actividade “de feito 4 dos camiños que se iniciarán parten da provincia de Lugo, de aí que a nosa presenza hoxe sexa obrigada”.

O director do Plan Xacobeo Ildefonso de la Campa destacou igualmente que “o deporte é unha das mellores formas de integrar, de normalizar e de visibilizar ás persoas con discapacidade intelectual na nosa comunidade, e o Xacobeo confía e considera como socio continuado neste tipo de actividades a Special Olympics Galicia. Por elo, quero aproveitar esta ocasión para dicir que no noso plan director seguiremos afondando nos próximos anos na garantía da accesibilidade do Camiño do Santiago e dos seus albergues para poder atender ao conxunto da poboación da nosa comunidade”.

Finalmente o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, explicou pormenorizadamente as actividades que protagonizarán a semana de peregrinación e agradeceu a colaboración de todas as entidades e organismos que veñen colaborando coas actividades de Special Olympics “este é un proxecto transversal que nacía alá polo ano 1993, e no que tanto Special Olympics Galicia como FADEMGA Plena inclusión Galicia temos a satisfacción de poder dicir que por onde pasamos somos ben recibidos e contamos con todos os apoios, sexan da cor política que sexan, algo que nos enorgullece e que queremos potenciar, para que a política sexa cada vez máis inclusiva e dialogante”

Máis de 450 peregrimos e 7 camiños
Entre o 27 e o 3 de xullo, un total de 303 peregrinos de toda Galicia sumados aos 170 peregrinos procedentes de Murcia, Barcelona e Valencia, serán os protagonistas destas peregrinacións, que se desenvolverán a través dos Camiños de Inverno, Camiño Norte, Camiño Primitivo, Camiño Francés, Camiño Portugués, Camiño Inglés e Vía da Plata.

Todas e cada unha das rutas contarán cunha saída oficial. A primeira destas saídas será a do Camiño Primitivo, que terá lugar este domingo 26 de xuño dende a Praza do Concello de Monforte, e dende a cal nos acompañarán entre outras autoridades, o presidente da Deputación de Lugo, D. José Tomé Roca.

Un día despois e de maneira simultánea, terán lugar as saídas das rutas restantes. Cada unha destas saídas tamén contará coa participación de diferentes autoridades locais, provinciais e autonómicas, destacando a participación do director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, D. Ildefonso de la Campa Montenegro, dende a saída oficial do Camiño Primitivo, (praza do Concello de Lugo ás 10.30 horas) ou do director xeral de maiores e discapacidade da Xunta, D. Fernando González Abeijón dende a saída do Camiño Portugués (Praza do Concello de Porriño, 10:30 horas)

Despois de 6 días de peregrinación, o 3 de xullo terá lugar a etapa final, na que se reunirán todos os peregrinos que estiveron a percorrer os diferentes camiños para facer esta última etapa entre o Monte do Gozo e a Alameda de Santiago. Alí comezará a chamada “etapa simbólica” que nos levará ata a Praza da Quintana, onde terá lugar ás 12:00 horas, a celebración do acto relixioso a cargo do Arzobispo de Santiago D. Julián Barrio Barrio.

Esta última xornada será sen dúbida a máis numerosa, reunindo a preto de 1.000 persoas con discapacidade, familias, profesionais e voluntarios, que despois celebrarán unha xornada de Convivencia na recinto feiral de Amio.

Special Olympics Galicia
Special Olympics Galicia é a asociación de pais, profesionais e amigos de persoas con discapacidade intelectual. Unha organización sen ánimo de lucro onde se traballa pola promoción e a inclusión social das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias, mediante o lecer, o tempo libre, a cultura e o deporte.

O Concello vén colaborando desde hai anos con esta asociación, consciente de que o deporte é unha práctica vital para o fomento da inclusión e unha magnífica posibilidade de visibilizar a este colectivo de persoas.