Saturday 16 de November de 2024

Boqueixón e Vedra poñen en marcha o programa “Correntes do Ulla”, que inclúe piragüismo, pesca, sendeirismo e voluntariado


As iniciativas terán lugar ao longo de xullo, co río Ulla como eixo central

O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o alcalde de Vedra, Carlos Martínez Carrillo, presentaron hoxe o programa “Correntes do Ulla”, unha iniciativa conxunta de ambos os dous municipios que inclúe catro actividades de piragüismo, pesca, sendeirismo e voluntariado ambiental abertas a toda a cidadanía e relacionadas co río Ulla. Máis información e inscricións nas webs municipais: www.concellodevedra.gal e www.boqueixon.gal.

Carlos Martínez explica que “un ano máis, Boqueixón e Vedra somos un exemplo de como hai que colaborar entre administracións. Neste caso, un río que nos une e que compartimos como é o Ulla, na súa parte central, permítenos facer estas actividades que este ano chamamos Correntes do Ulla. Actividades moi valoradas non só pola nosa veciñanza senón por toda a comarca de das dúas provincias porque sempre ten moitos participantes de máis aló das nosas fronteiras”

Así, Manuel Munín indica que “empezaremos o 9 de xullo co descenso do Ulla en piraguas, teremos un campo de voluntariado chamado Unindo Roteiros para concienciar medioambientalmente á mocidade, teremos o Goza de Ulla cunha ruta de sendeirismo pola ruta dos Pescadores ata Agronovo e unha escola de pesca en río, en Agronovo e Sucira. Son actividades nunha contorna espectacular para ser practicadas e agardamos que poidan ser moi desfrutadas pola nosa veciñanza durante o mes de xullo”.

Programa

“Correntes do Ulla” dará comezo o sábado 9 de xullo coa única actividade de pago: o descenso do Ulla en piraguas. Un percorrido entre Ponteledesma ata a área de recreo de Agronovo. O número de prazas é limitado e as inscricións custan 20 euros, que inclúen piragua para dúas persoas, chaleco salvavidas e seguro.

Do 15 ao 26 de xullo terá lugar o campo de voluntariado “Unindo roteiros”, dirixido a mozos e mozas de Boqueixón e de Vedra de entre 18 e 30 anos. Un campamento medioambiental e de dinamización no que as persoas participantes traballarán na creación dun novo sendeiro que unirá a Ruta dos Pescadores, desde a aldea de Donas (Boqueixón), ata o Miradoiro de Gundián (Vedra). Tres quilómetros de sendeiro que os levarán a enlazar coa ruta de San Xoán da Cova. Colabora a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Por outra banda, dentro do programa Goza do Ulla, ambos os dous concellos ofrecen a ruta “Unindo roteiros… ao pé do Ulla”, que se tratará de poñer en marcha a través do campo de voluntariado. A ruta de sendeirismo terá lugar o domingo 24 de xullo, ás 10:00 horas, e desenvolverase ao longo dos 10 quilómetros que separan Sucira (ruta dos Pescadores) de Agronovo (ruta de San Xoán da Cova).

Finalmente, en colaboración coa Federación Galega de Pesca, Boqueixón e Vedra ofrecerán dúas sesións da Escola de Pesca en Río. Dirixidas a nenos e nenas de entre os 10 e os 13 anos, serán impartidas por David Arcay, campión do mundo de pesca de mosca, quen introducirá á rapazada no mundo da pesca sostible e a concienciación coa natureza. As clases terán lugar o mércores 27 de xullo na área de recreo de Agronovo e o xoves 28 de xullo na área de recreo de Sucira. En ambos os dous casos, o horario será de 10:00 a 13:00 horas. Máis información e inscricións en www.boqueixon.gal e www.concellodevedra.gal.