Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño despide temporada das escolas culturais cunha foliada na área recreativa da piscina


O evento está programado para este sábado 25 a partir das 20:30h

Haberá liscos, sardiñas e cachelos a 10€ (reservas no 616 332 919)

O último sábado de xuño é tradicionalmente a data en que Cultura celebra a clausura das escolas musicais. Até agora foi sempre cunha sucesión de actuacións no escenario da Casa da Cultura á que asistían como público principalmente familiares e algunha amizade das e dos intérpretes. Porén, este ano quere dárselle ao peche un aire distinto e por iso a cita toma forma de pequena foliada ao aire libre na que actuarán os tres grupos das escolas -gaitas, pandeireta e cantos de taberna- acompañadas nesta ocasión de Agarimo de Catabois e do conxunto de cantos de taberna de Moeche. O evento terá lugar na área recreativa dos Currás -ao pé da piscina- a partir das 20:30h e quen queira poderá degustar sardiñas, liscos e cachelos ao prezo de 10€. Iso si, hai que anotarse antes chamando ao 616 332 919 ou mandándolle un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

A Concellaría de Cultura ten definido o formato pero non a orde das actuacións, que serán de aproximadamente 10 minutos por cada grupo musical co obxectivo de que a velada sexa o máis dinámica e variada posible sen exceder a hora de duración… polo menos no que se refire ao que está programado: a actuación da EM de Pandeireta, a da EM de Gaita, a da EM de Cantos de Taberna e, como convidados, un dos cuartetos da banda Agarimo de Catabois e o grupo de Cantos de Taberna de Moeche.

E é que a filosofía desta foliada -coma a de todas as que hai na volta- é que os grupos participantes teñan unha parte propia para luciren o seu repertorio, pero que despois a troula continúe de maneira informal propoñendo e compartindo pezas que case sempre arrancan de maneira espontánea co riscado dunha pandeireta, cunha introdución á gaita ou co retrouso a viva voz de calquera peza coñecida polo resto.

A responsable de Cultura, Amparo Calvo, explica que a clausura das escolas “bótase fóra da Casa da Cultura” coa finalidade de quitarlle o rigor que imprime o espazo. “Actuar en escenario perante un público sentado está moi ben, pero é un tanto serio. Fixemos as clausuras así durante anos sen caer na conta de que o repertorio das nosas escolas levaba tempo pedindo algo máis informal, máis festeiro e máis parecido aos espazos en que tradicionalmente se interpretaba a nosa música”, comenta Calvo.

Ademais de levar a clausura das escolas ao exterior -se desen auga para o 25 buscaríase emprazamento alternativo ou podería adiarse-, Cultura tamén quere que as escolas “interactúen de maneira natural, que se habitúen a xuntarse gaitas, pandeiretas e voces á marxe dos días de ensaio ou das actuacións programadas”. Neste sentido, segundo Amparo Calvo, co convite á clausura de Agarimo de Catabois e do grupo de Cantos de Taberna de Moeche “tamén queremos que as nosas escolas vaian entrando no circuíto de foliadas e repichocas que se están volvendo organizar na comarca, que son o mellor sitio para aprender e para conservar este patrimonio inmaterial”.

O evento comezará ás 20:30h na área recreativa dos Currás (na piscina municipal) e para que sexa completo tamén haberá sardiñas, liscos e cachelos. Quen queira degustalos deberá comunicarllo ao técnico de Cultura -616 332 919 ou agustin.perez@sansadurnino.gal-, máis que nada para saber canto “material” fará falla para a tarde-noite deste sábado 25 de xuño.

Ruta ciclista
Cómpre recordar que ese día tamén teremos a oportunidade de percorrer en bicicleta o centro de San Sadurniño e os seus arredores nunha nova edición da Ruta cicloturista en familia que, como indica o propio nome, vén sendo un pequeno paseo pola zona apto practicamente para calquera idade.

Sairase ás 19:00h de diante do CPI e o itinerario discorrerá maiormente por pistas secundarias ata chegar a Pedroso, para logo volver ao punto de partida. As inscricións, a partir dos 6 anos de idade, poden facerse na Casa da Cultura ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal entregando cuberta a correspondente folla. A ruta é gratuíta e o último día para anotarse é este xoves 23 de xuño.