Friday 22 de November de 2024

A mostra “Compromiso na distacia” chega á Coruña para homenaxear a Florencio elgado Gurriarán


— O secretario xeral de Política Lingüística inaugura esta proposta que inclúe fotografías orixinais do arquivo familiar para coñecer a vida e obra do autor

— Enmárcase nas máis de 150 actividades que a Xunta pon en marcha ao longo do ano pola programación especial das Letras Galegas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, inauguraron hoxe na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés a mostra itinerante Compromiso na distancia, dedicada a Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.

O representante da Consellería de Cultura recalcou a necesidade de achegar a todo o mundo a figura de Florencio Delgado Gurriarán xunto ao seu legado, “percorrendo con esta exposición ata 10 puntos de toda Galicia”. Tamén participou no acto a directora da biblioteca, Mª Sol González.
A exposición fai a súa terceira parada na Coruña para percorrer a vida e obra do autor con fotografías orixinais do arquivo familiar, en branco e negro modificas con técnicas de coloración dixital, e cun texto central e documentación de Héctor Cajaraville, con pezas baseadas no libro publicado por Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade. Con ela o público pode coñecer os acontecementos vitais que conformaron o estilo e o argumentario poético do autor, todo sobre o seu Valdeorras natal, a súa etapa na emigración ou o seu compromiso coa lingua e a escrita en galego.

Logo desta parada a mostra, que poderá verse na Coruña ata o 9 de xullo, seguirá a súa itinerancia ao longo do ano por varios centros da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística, concretamente por Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova. Esta actividade atópase enmarcada entre as máis de 150 que a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos, realiza ao longo de todo o ano para homenaxear e dar a coñecer a figura e obra de Florencio Delgado Gurriarán.