Friday 22 de November de 2024

Nava Castro celebra a oportunidade que supón para o turismo galego o acordo asinado coas prefecturas xaponesas do Camiño Shikoku Henro


A directora de Turismo de Galicia e o presidente da Asemblea da Prefectura de Kagawa foron os encargados de clausurar o Simposio Internacional ‘celebrado no marco do protocolo de colaboración asinado polo presidente da Xunta e representantes das prefecturas xaponesas polas que pasa o Camiño Shikoku Henro

O Hostal dos Reis Católicos acolleu o Simposio Internacional ‘Peregrinación en el Camino de Santiago y en el Camino de Shikoku’ que ofreceu unha visión global destas dúas rutas de peregrinación, unhas das máis importantes do mundo na actualidade.

A xornada englobou unha conferencia do Deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e unha mesa redonda na que participaron o Gobernador da prefectura de Kagawa, Keizo Hamada; o profesor da Universidade de Ehime, Hikaru Ebesu; o director de Patrimonio da Consellería de Educación e Cultura, Juan A. Naveira; e o xefe de área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singúl.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Asemblea da Prefectura de Kagawa, Osamu Tsujimura, foron os encargados de clausurar o simposio.

Durante a súa intervención, Nava Castro destacou a gran oportunidade que supón para o sector turístico galego o novo acordo de colaboración asinado coas prefecturas xaponesas polas que pasa o Camiño Shikoku Henro.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que, ademais das rutas de peregrinación, Galicia e Xapón comparten outros produtos turísticos moi similares destacando o termalismo, as camelias ou o mar, entre outros.

Así mesmo, a directora de Turismo de Galicia resaltou as accións conxuntas levadas a cabo no eido turístico ao longo das últimas décadas, entre as que destacou o irmandamento existente entre o Camiño de Santiago e o Camiño Kumano Kodo desde 1998, a visita a Galicia do Príncipe Naruhito no 2013 ou a viaxe realizada polo presidente da Xunta a Xapón o pasado ano.
Protocolo de colaboración
O simposio celebrouse no marco do protocolo de colaboración asinado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e representantes das prefeituras xaponesas polas que pasa o Camiño Shikoku Henro — Tokushima, Kochi, Ehime e Kagawa–, en torno a esta ruta de peregrinación e ao Camiño de Santiago.

O obxectivo do acordo é deseñar e executando proxectos de colaboración a distintos niveis, encamiñados á valorización de ambas as dúas rutas, e buscando resaltar e promover os seus valores patrimoniais, paisaxísticos, culturais e espirituais.

Neste senso, Nava Castro afirmou que para Galicia é un orgullo traballar conxuntamente coas provincias de Ehime, Kochi, Tokushima e Kagawa e colaborar no camiño cara á declaración de Patrimonio Mundial para o Shikoku Henro, e a partir de entón preparar o seu irmandamento co Camiño de Santiago.

Mercado xaponés
En 2014, dos turistas internacionais que chegaron a Galicia, un total de 13.309 procederon do Xapón, un 28,4% máis que no ano 2013. Estes viaxeiros nipóns realizaron un total de 20.533 pernoitas ao longo do pasado ano.

En canto ao Camiño de Santiago, no ano 2014 selaron a súa Compostela un total de 1.095 peregrinos xaponeses, o que supón un incremento do 23,28% en relación ao ano 2013.