O delegado da Xunta e o alcalde visitaron esta mañá o polígono boqueixanés
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández, acompañado polo concelleiro de Economía e Facenda, José Manuel Iglesias, visitaron esta mañá o polígono de Camporrapado no que se investirán 150.000 euros, cun apoio da Xunta de 120.000 euros, para levar a cabo a mellora dos seus viarios perimetrais. O representante do Goberno galego lembrou que o ano pasado no polígono de Sergude tamén se levou a cabo un investimento de máis de 60.000 euros cun apoio da Xunta de máis de 48.000 euros para levar a cabo a mellora na xestión dos seus residuos.
Durante a visita o representante do Goberno galego informou que a Xunta apoiará, este ano, a sete polígonos industriais da comarca de Santiago cun investimento de máis de 786.000 euros, para a mellora das súas infraestruturas o que favorecerá un investimento total de máis de 983.000 euros. Trenor destacou que a través deste apoios se realizarán melloras nos polígonos industriais de Melide, Negreira, Ordes, Oroso, Santa Comba, Val do Dubra e Boqueixón.
Con esta liña de apoios, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación pretende solventar determinadas carencias de infraestruturas, así como novas necesidades en materia de comunicacións ou de servizos que presenta o solo empresarial galego co obxectivo de acondicionar e modernizar os parques. As axudas son dun máximo de 120.000 euros por proxecto e poden recibir anticipos do 25% da axuda concedida.
En canto aos viveiros industriais, Trenor lembrou que se apoiará a creación dun novo espazo en Val do Dubra cunha axuda de 240.000 euros co obxectivo de favorecer novas actividades de carácter industrial, o nacemento de novas empresas e axudar aos empresarios nas súas primeiras etapas de actividade. A este Concello se lle concedeu ademais outro apoio na orde de parques empresariais de 117.000 euros para mellorar os accesos á súa parcela de equipamentos. Nesta liña a axuda máxima é de 240.000 euros e os beneficiarios tamén poderán obter anticipos do 25%.
Con estas dúas liñas de apoio, a Xunta aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia polo que, neste sentido, encaixa nas medidas que fomenta a Lei de implantación empresarial na que os Concellos Emprendedores teñen un papel fundamental á hora de colaborar co Goberno galego para facilitar ás empresas beneficios fiscais, acceso ao solo e facilidades administrativas a cambio de contar con prioridade en ordes de axudas como estas.