A Corporación aprobou por unanimidade unha moción de apoio ao sector lácteo galego
O Concello de Brión fixa como festivos locais do 2016 o día de Santa Minia (27 de setembro) e o da Ascensión (5 de maio). Así se decidíu hoxe na sesión plenaria ordinaria de setembro por unanimidade dos tres grupos da Corporación (PSOE, BNG e PP).
Por outra banda, o pleno brionés tamén amosou a súa unanimidade na aprobación dunha moción de apoio ao sector lácteo presentada polo grupo de goberno do PSOE e á que uníu o BNG. O alcalde de Brión, José Luis García, lembrou a importancia desta reclamación, xa que “este sector é fundamental na economía do noso municipio”. O PP anunciou na sesión de hoxe o seu voto a favor desta proposta.
A moción aprobada solicita tanto ao Goberno da Xunta de Galicia coma ao Goberno Central unha serie de medidas a curto e medio prazo. No primeiro caso, reclámase a “cuantificación do excedente lácteo e a xestión do mesmo a través dos mecanismos de intervención, almacenamento privado e entrega a terceiros países”, instando ao Executivo español a “pór en marcha compras públicas de intervención para o leite en po e mateiga a prezos que cubran, polo menos, os cursos de produción para os gandeiros”, indica o texto da moción.
Tamén con carácter inmediato solicítase a “determinación dun “Prezo Sostible” para o leite, baseado nos prezos mínimos da industria e da distribución tal como están recollidos no observatorio do Ministerio aos que se agregarían o prezo medio do leite na UE-15”, así como “axudas inmediatas directas ás explotacións para evitar o peche, xa que arrastran moitos meses perdendo cartos”. Así mesmo, pídese a “vixilancia e sanción dos contratos lixo, de modo que se consideren nulos e se logre o compromiso coa industria que opera en España para recolocar ese leite no mercado”, ademais de establecer medidas para xerar valor na cadea láctea cumprindo a Lei de Transparencia da Cadea Alimentaria.
Como medidas a medio prazo, suxírese a “regulación dos primeiros compradores, de modo que sexan os verdadeiros operadores loxísticos que aporten algún valor na cadea, e non meros intermediarios”, amais de impulsar programas, como o de leite escolar, “que permita unha mellora na imaxe do leite e dos dos produtos lácteos e un aumento do seu consumo nun fragmento de poboación máis xoven”.
Unha das accións fundamentais require “estabilizar as relacións entre os distintos axentes da cadea láctea”, buscando “fórmulas novidosas que resolvan a difusión dos índices de referenciación de prezos para o seu uso de forma xeralizada nos contratos lácteos”. Unha medida que se reforzaría coa “aposta por unha verdadeira negociación colectiva dos elementos do contrato a través das organizacións de produtores tal e como o paquete lácteo permite”, sendo necesaria “figura do mediador, para que interveña naqueles casos en que non exista acordo nas condicións de contrato previo á sinatura do mesmo ou para aqueloutros en que a industria nin sequera se queira sentar coas organizacións de produtores”.
Conclúe a moción aprobada polos tres grupos da Corporación de Brión instando ás administracións autonómica e estatal a “establecer un plan estratéxico de futuro para o sector lácteo galego”. Dito plan deberase elaborar contando con todos os axentes implicados e co firme propósito de “reforzar e asegurar a posición de liderado do sector lácteo galego en España e poder facer fronte en mellores condicións a posibles crises de baixos prezos no mercado, que poden repetirse na nova situación de mercado liberalizado”.