Máis de 1.500 deportistas participaron esta fin de semana, entre sábado e domingo, nas diferentes probas que se celebraron nas augas do Parrote e na súa contorna, no contexto dos campionatos de España de Tríatlon por Clubs, Remudas Mixtas e Remudas Mixtas de Talentos, así como a Copa do Mundo de Paratríatlon.
Neste sentido, o Náutico de Narón femenino e o Saltoki Trikideak masculino resultaron vencedores nos nacionais de Triatlón por Clubes, aínda que o título final, tanto na Liga Nacional de Clubes como a Liga Iberdrola, foi para o Cidade de Lugo Fluvial, primeiro clasificado nas dúas competicións.
Ademais, e xa este domingo, celebrouse a Copa do Mundo de Paratríatlon, con case un cento de paratriatletas de primeiro nivel mundial en representación de vinte países dos cinco continentes. Destacou a galega Susana Rodríguez Gacio, campioa paralímpica de triatlón e, na xornada de hoxe, primeira clasificada na categoría PTVI feminina; así como o malacitano José Cristóbal Ramos Jiménez, terceiro na categoría PTWC masculina; Lionel Morales, primeiro en PTS2 masculina; Daniel Molina, primeiro na PTS3 masculina; e Andrea Miguélez e Carmen González, á fronte da táboa na PTS4 feminina.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, participou hoxe na entrega de premios ás e aos atletas gañadores, un acto que se celebrou no paseo do Parrote. Martínez puxo en valor “a capacidade da cidade para acoller citas como a desta fin de semana, sendo o punto de encontro de deportistas de primeiro nivel”.