Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca o récord de participacion da 13ª Edición do Programa Parlamento Xove


— Resultaron gañadores os equipos IES Rafael Puga Ramón de A Coruña na categoría da ESO, Colexio La Salle de Santiago, de bacharelato, e Campus universitario de Santiago 2, de universidades

— Ao longo do programa competiron 58 equipos de toda Galicia, oito máis que na anterior edición, con máis de 270 participantes en total

— A pregunta desta edición foi: “Debe a Unión Europea actuar militarmente en terceiros países en defensa dos dereitos humanos?”

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou na final de Parlamento Xove o récord de participación acadado nesta edición do programa. É o balance dunha xornada na que se proclamaron gañadores do certame os equipos IES Rafael Puga Ramón de A Coruña, na ESO, Colexio La Salle de Santiago, en bacharelato, e Campus universitario de Santiago 2, en universidades.

Ademais, 11 mozos recibiron a mención de honra ao mellor orador. Na categoría da ESO os mellores oradores foron Lucas Rodríguez Kawalski (do IES María Inmaculada Carmelitas Vedruna, en Vigo), Ana Varela Pose (IES Rafael Puga Ramón, A Coruña) e Noa Santiago Falcón (IES Miguel Ángel González Estévez, Vilagarcía). En bacharelato: Andrés Collantes Barros (Colexio La Salle, Santiago), Blanca Noya Juncal (Colexio La Salle, Santiago), Óscar Rodríguez de Vivero (IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo) e Alfonso Vázquez Losada (Colexio Peñarredonda, A Coruña). En universidade: Paula Álvarez García (Campus Santiago de Compostela), Pablo Abelleira Acevedo (Campus Pontevedra), Jaime Arangüena Laffón (Campus A Coruña) e María Pedreira López (Campus Santiago de Compostela).

Ademais, os premios aos mellores artigos de investigación outorgáronse ao Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior e ao IES Fontexería de Muros.

Na súa intervención, Fabiola García puxo o foco nos oito novos equipos que se presentaron este ano á fase clasificatoria, ata sumar un total de 58. O número de participantes superou os 270, entre estudantes e profesorado.

A Conselleira de Política Social e Xuventude lembrou aos oradores a relevancia da palabra fronte á forza como medio para facer valer as distintas opinións. Ademais, convidounos a ter presente o valor da liberdade de expresión, propia das democracias sans.

Os equipos gañadores recibirán un premio de 5.000€ para organizar unha viaxe no caso das categorías de ESO e bacharelato, e 2.500€ no caso da de universidades. A dificultade da proba radica en que a posición de cada equipo, a favor ou en contra, se sortea cinco minutos antes do comezo, de xeito que os participantes teñen que prepararse para afrontar as dúas posturas. A pregunta desta final, con ocasión da Guerra de Ucraína, foi: Debe a Unión Europea actuar militarmente en terceiros países na defensa dos dereitos humanos?

A final tivo lugar no Parlamento de Galicia, coa presencia das familias dos estudantes, e tamén se puido seguir a través de internet.